A Deputación pon en marcha un novo espazo na súa páxina web destinado á xuventude da provincia

O presidente provincial, Luis López, avanzou as novidades desta sección na que se pretende “agrupar todas as liñas e actuacións do goberno provincial dirixidas á mocidade e servir como punto de referencia para o persoal técnico das áreas de xuventude dos municipios da provincia”

14/02/2025

Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar un novo espazo na súa páxina web destinado á xuventude da provincia. Así o deu a coñecer hoxe en conferencia de prensa o presidente provincial, Luis López, quen avanzou as novidades desta sección na que se pretende “agrupar todas as liñas e actuacións do goberno provincial dirixidas á mocidade e servir como punto de referencia para o persoal técnico das áreas de xuventude dos municipios da provincia”. López incidiu na importancia desta nova sección web para “favorecer o aproveitamento óptimo dos recursos, promover accións máis efectivas e coordinadas e impulsar o crecemento do asociacionismo xuvenil”.

Tal e como informou o presidente provincial, no novo espazo web inclúense todos os programas de actividades, subvencións e concursos dirixidos á xuventude e promovidos polos distintos servizos da Deputación. Tamén se ofrece información sobre instalacións e espazos que se poden solicitar para organizar eventos e poñer en marcha iniciativas; e as ofertas de prácticas profesionais, visitas escolares e oportunidades de mobilidade internacional. “Non podemos esquecer que na xuventude está a semente do noso futuro - sinalou Luis López-, e por iso continuamos traballando para ofrecerlles recursos e para estar máis preto, ao seu carón”.

Enquisa de Xuventude

Ademais, o presidente provincial informou que hoxe mesmo se celebrou o sorteo público dos premios da Enquisa da Xuventude, que consistiron en dúas entradas para o festival PortAmérica e unha tableta Lenovo Tab M10. Unha enquisa que, como lembrou López, a Deputación lanzou para coñecer as necesidades e inquedanzas da mocidade da provincia para elaborar o I Plan Estratéxico de Xuventude. Ao largo do día de hoxe publicaranse os cupóns de participación gañadores, para que as persoas acrediten a participación no sorteo e que cómpren cos requisitos esixidos.

En total, participaron 1.765 mozos e mozas de entre 15 e 34 anos, que puideron expresar a súa opinión sobre temas clave como vivenda, transporte, participación pública, mundo rural e outros aspectos relevantes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. “Para nós esta é unha información moi importante xa que nos vai permitir deseñar políticas públicas adaptadas ás necesidades reais da mocidade”, asegurou Luis López.

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.