A Deputación de Pontevedra arranca este 9 de abril os obradoiros de Mulleres de Palabra(s) cunha actividade para ler poesía

Trátase dunha proposta enmarcada na segunda edición deste programa do Ateneo pola Igualdade, que será impartida por Dorés Tembrás, do proxecto literario Apiario, e contará con catro sesións os xoves de abril no Edificio Administrativo da Deputación

04/04/2026

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este mes de abril o primeiro obradoiro de poesía enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade. A acción leva o título de “Poetas coma faíscas. Ler a poesía que refulxe II”, será impartida por Dores Tembrás, do poxecto literario Apiario, e contará con catro sesións, todos os xoves do mes de abril en horario de 19:30 a 21:00 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra. O taller conta con 25 prazas e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico participa.igualdade@depo.es.

Despois do éxito da primeira parte deste obradoiro, organizado o pasado ano, nesta ocasión será de novo un lugar de encontro coa poesía, unha aproximación ao xénero para quen queira iniciarse ou atopar novas lecturas de autoras clásicas e contemporáneas E farao a carón da produción literaria de autoras galegas contemporáneas: Eva Veiga, Pilar Pallarés, Emma Couceiro, Noelia Gómez, Sara Martínez, Marta Dacosta e Elvira Ribeiro Tobío, que estará ademais presente na última sesión. O obxectivo do obradoiro é atallar os prexuízos co xénero e afondar no acontecemento poético, atendendo a teorías que nos poñan en contacto con algunhas das obras máis relevantes das últimas décadas. Abordaranse conceptos como silencio, música do poema, ritmo, poder de suxestión, evocación, corte do verso ou imaxe para construír un espazo onde as persoas participantes serán tamén protagonistas a través das súas lecturas. O fío condutor será precisamente o que refulxe en cada unha das poéticas e que permitirá destacar os motivos centrais, teimas e obsesións que configuran a singularidade de cada unha das propostas.

Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra que chega neste 2026 á súa segunda edición e na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Así, o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas, recitais e obradoiros. Como novidade, ademais, créase unha biblioteca ambulante para chegar aos centros escolares da provincia.