A Deputación mobiliza esta semana 28 colectivos sociais de 22 concellos da provincia nos obradoiros de +Xuntas
As entidades comezan obradoiros de arte floral, conservación de alimentos, risoterapia, ximnasia hipopresiva, pintura, taichí, alfabetización dixital, artesanía en coiro, pilates, plantas medicinais, horta ecolóxica e xardinería
26/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as accións formativas da actual edición do programa provincial +Xuntas, unha iniciativa que destina preto de 700.000 euros ao tecido asociativo para apoiar o desenvolvemento das mulleres e crear redes de apoio onde poden compartir experiencias e estreitar os seus vínculos. Entre o luns 28 de setembro e o sábado 3 de outubro, preto de 400 mulleres de entidades de Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, A Estrada, O Grove, Lalín, A Lama, Mos, Meaño, Meis, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Salvaterra de Miño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa comezan novas accións de +Xuntas.
Este luns 28 de setembro comezan cursos de ximnasia hipopresiva integrantes da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras O Corazón do Salnés (Meaño), de alfabetización dixital mulleres da Asociación Chan dos Casteliños (As Neves), de plantas medicinais integrantes da Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda (Lalín) e de horta ecolóxica mulleres da Asociación Andrés de Vea (A Estrada).
O martes 29 comezarán tres obradoiros sobre arte floral na Asociación de Mulleres Féminas en Acción (Vilanova de Arousa), sobre artesanía en coiro na AA.VV. de San Pedro de Gaxate (A Lama) e sobre conservación de alimentos na Asociación Mujeres Cabral Rosalía de Castro (Vigo). E o mércores 30 de setembro darán inicio cinco obradoiros: dous de conservación de alimentos na Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) e na Asociación Mulleres Rurais e Culturais Santa Mariña (Caldas de Reis); un de arte floral en AFAMO (Vilaboa); outro de xardinería na Asociación de Mujeres Rurales Aires del Norte y Ole (Ponte Caldelas) e outro de plantas medicinais na Asociación de Mulleres Rurais Lolita Trigo (Vilanova de Arousa).
Pola súa banda, o xoves 1 de outubro comezan catro cursos de arte floral en Cambados (Asociación de Mulleres Rurais de Castrelo – As Saíñas), Oia (Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougás), Meaño (Asociación Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira de Dena) e O Grove (Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa de San Vicente); dous de pilates en Vigo (Cruz Roja Española) e Meis (Asociación de Mulleres Rurais Os Pazos); un de pintura en Vilagarcía de Arousa (Asociación Cultural Xeada) e, na mesma cidade, outro de taichi (Asociación de vecinos Agustín Romero).
O venres 2 de outubro darán inicio un total de seis obradoiros: conservación de alimentos en Tui (Asociación Cultural San Fins de Rebordáns), risoterapia no Porriño (Asociación Amas de Casa Rosais) e Cangas de Morrazo (Asociación de Mulleres escola vella do Hío), ximnasia hipopresiva en Salvaterra de Miño (Asociación Mulleres Rurais Tempo Gañado), arte floral en Valga (Asociación Albor), horta ecolóxica en Vilanova de Arousa (Asociación de mulleres rurais consumidoras e amas de casa Citanía de Baión).
Finalmente o sábado 3 de outubro terá lugar o comezo dun obradoiro de artesanía en coiro ao que asistirán mulleres da Asociación Cultural Deportiva San Martín de Verducido (Pontevedra) e dunha acción formativa sobre horta ecolóxica na que participarán persoas da Asociación Cultural Reiriz 2016 A Queimada (Pontevedra).
A Deputación de Pontevedra dedica un investimento de preto de 700.000 euros para o desenvolvemento do programa durante os anos 2026 e 2027, organizando cada ano máis de 200 obradoiros para entidades sen fins de lucro da provincia que apoien o desenvolvemento das mulleres. Este ano terán lugar un total de 207 accións para colectivos de 53 concellos dentro de catro categorías: +Tecnoloxía, +Creatividade, +Natura e +Saúde. Cada formación ten unha duración de 35 horas e incluirá un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de estar integrada de xeito transversal en todos os contidos.