A Deputación inicia as obras de substitución de carpintarías do edificio de Edafoloxía, Fruticultura e Ornamentais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro
As obras, cun investimento de 60.000 euros, permitirán substituír as carpintarías danadas polas filtracións de auga e limpar a cuberta para garantir a súa estanquidade
16/03/2026
A Deputación de Pontevedra inicia unha nova actuación para seguir acondicionando as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Neste caso, os traballos céntranse no edificio de Edafoloxía, Fruticultura e Ornamentais do complexo, onde se están investindo preto de 60.000 euros para solucionar os danos que se veñen provocando nas carpintarías do inmoble por mor das filtracións de auga.
As obras permitirán retirar as carpintarías actuais e substituílas por unhas novas de PVC, que teñen un comportamento fronte aos cambios térmicos mellores que as actuais. Os traballos tamén inclúen a substitución do recercado e das tapaxuntas por outras de PVC, que cobran todo o espesor dos ocos e tamén as partes vistas de aceiro, e unha limpeza profunda da cuberta (así como dos canlóns e das baixantes) para garantir a súa estanquidade e o seu mantemento. Tamén se aumentarán os tramos das baixantes no encontro co terreo, porque estas áreas se encharcan e provocan filtracións por capilaridade na base dos paramentos interiores, que tamén se sanearán. Procederase, así mesmo, á instalación de pranchas de PVC nas áreas máis afectadas.
Na actualidade a maior parte dos remates das carpintarías atópanse danados por mor da entrada de auga, en forma de condensacións ou pequenas filtracións. As carpintarías son de aluminio sen rotura de ponte térmica e a edificación non presenta ningún tipo de illante perimetral, polo que se xeran filtracións directas nos recercados interiores de madeira e no trasdosado de ladrillo. Ademais de danar os recercados, as filtracións tamén provocan manchas, fungos e desconchado na pintura interior.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.
