A Deputación instalará unha pantalla xigante na Praza da Estrela de Vigo para seguir o España-Bélxica de cuartos de final do Mundial
A institución provincial repetirá a experiencia da final da Eurocopa de 2024, cando centos de persoas se congregaron no centro de Vigo para apoiar á selección nacional
08/07/2026
A Deputación de Pontevedra instalará este venres unha pantalla xigante na Praza da Estrela de Vigo para que a cidadanía poida seguir en directo o partido de cuartos de final do Mundial de fútbol masculino que enfrontará, a partir das 21.00 horas, ás seleccións de España e Bélxica.
Deste xeito, a institución provincial repetirá a experiencia da final da Eurocopa de 2024, cando centos de persoas se congregaron neste céntrico punto da cidade para apoiar ao combinado nacional e celebrar posteriormente a consecución do título continental.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, amosou o seu desexo de que a cidade poida achegarse este venres ata a Praza da Estrela para animar á selección española na procura das súas segundas semifinais nun Mundial. “Queremos converter o centro de Vigo nunha gran bancada ao aire libre e que seareiros e seareiras de todas as idades poidan vivir de xeito conxunto un serán cheo de emoción da man da nosa selección”, apuntou.
“Estou segura de que, co apoio de Vigo, España será quen de vencer a Bélxica e facernos soñar con algo grande neste campionato previo ao que acollerá en 2030 o noso país e, agardemos, a nosa cidade”, engadiu Luisa Sánchez.
