Luisa Sánchez anima ao Club Baloncesto Seis do Nadal antes da fase final da Primeira Nacional feminina que se disputará en Vigo
12/05/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, acompañada pola directora de Deportes do organismo provincial, Xisela Aranda, visitou ao Vasco Shipping Club Baloncesto Seis do Nadal para darlle ánimos de cara á disputa da fase final da Primeira Nacional feminina, que se celebrará os días 15, 16 e 17 de maio no pavillón de Quirós. O club vigués será o organizador e anfitrión dunha competición que outorgará unha praza de ascenso á Liga Femenina 2, pola que tamén pugnan o Raisan Eloy Villanueva, o Cañadío Santander e o Cyasa Fodeba Gijón.
A visita produciuse a petición do propio club vigués, que quixo repetir a experiencia vivida co equipo júnior feminino antes da disputa do campionato autonómico, no que o Seis do Nadal acabou proclamándose vencedor. Desde a entidade confían agora en que a presenza de Luisa Sánchez volva exercer de talismán para o primeiro equipo nesta cita decisiva da tempada, na que buscarán o ascenso diante da súa afección.
