A Deputación de Pontevedra mantén pechado o castelo de Soutomaior este xoves e abre Sobroso
Varias árbores do xardín do Castelo de Soutomaior caeron e un equipo de operarios traballa no acondicionamento do recinto para abrilo, previsiblemente, o venres
09/10/2024
A Deputación de Pontevedra manterá pechado o castelo de Soutomaior este xoves para poder garantir a seguridade das persoas visitantes. Varias árbores do xardín do recinto caeron por mor das fortes chuvias e ventos provocados pola borrasca Kirk e un equipo de operarios está a traballar no acondicionamento do espazo para abrilo, previsiblemente, este venres.
Pola súa banda, no caso do castelo de Sobroso, a institución provincial prevé que mañá estea aberto no seu horario habitual, debido a que os danos que ocasionou o ex furacán ao seu paso pola contorna do recinto histórico atópanse solucionados.
Tanto o Castelo de Soutomaior como o de Sobroso teñen abertas as súas portas ao público habitualmente entre o martes e o domingo. En Soutomaior as visitas teñen lugar entre as 10.00 e as 19.00 horas e en Sobroso entre as 10:00 e as 13:00 e as 15:00 e 18:00 horas.