A Deputación destina 52.000 € para impulsar a construción dunha pista de pump track en Salceda de Caselas

A instalación, que se emprazará na rúa Mártires de Sobredo (no polígono II do PERI), finánciase na súa totalidade con recursos do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

28/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda ao Concello de Salceda de Caselas no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas co obxecto de construír unha pista de pump track asfaltada na rúa Mártires de Sobredo, no polígono II do PERI. A institución provincial destinará a este fin máis de 52.000 euros que permiten sufragar a actuación na súa totalidade, e que forman parte dos máis de 134.000 euros que ten á súa disposición este concello no marco da terceira edición do plan.

A axuda da Deputación permitirá satisfacer unha demanda da veciñanza mediante a construción desta pista de máis de 700 m2, orientada á utilización de todo tipo de aparatos sobre rodas sen motor (bicicletas, monopatíns, patíns ou patinetes) que se desprazan a través de ondulacións e curvas mediante a inercia que xera a propia pista, sen necesidade de pedalear nin impulsarse, para a práctica de modalidades como o skate, o BMX, o roller skater ou o scooter. Esta instalación complementará a pista de terra situada no barrio do Torrón e permitirá organizar competicións da Copa Galega de Pump Track.

A pista estará composta por unha recta principal, unha variante semirrecta de saltos (para usuarios máis avanzados) e cinco curvas (dúas de 180º, una delas de dobre radio con roller, e tres de 90º enlazadas entre si como variante principal), con acceso desde unha rampla localizada na rúa Mártires de Sobredo. O deseño trata de ocupar a maior superficie do terreo proposto en zonas rodables, mantendo os radios de curvaturas adecuados para este tipo de instalacións. O deseño garante a variedade de zonas técnicas, todo tipo de curvas e rollers individuais e combinados, que funcionarán como saltos pero, ao mesmo tempo, serán rodables sen saltar. Isto permitirá ser utilizada por usuarios noveis e avanzados, cun mesmo percorrido pero á velocidade que mellor se adapte ao seu nivel.

Con recursos do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros, os concellos de menos de 50.000 habitantes poden impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotalas de equipamento ou adquirir terreos para uso deportivo. Salceda de Caselas tamén empregará os seus recursos dispoñibles nesta convocatoria para a renovación da iluminación do campo de fútbol Penedo Redondo (55.000 euros) e para a subministración de loxística itinerante para eventos deportivos (18.000 €) e para material deportivo (9.000 €).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.