A Deputación avanza no proxecto de posta en valor do “Campo do Medio” de Sabucedo, cun investimento de 110.000 €
Está previsto que en marzo comecen as obras que teñen por obxectivo renaturalizar este espazo de Sabucedo, ligado á Rapa das Bestas, para recuperar os valores ecolóxicos e crear un lugar de esparexemento
26/02/2026
A Deputación avanza no proxecto de posta en valor do recurso ecosistémico da Rapa das Bestas e da zona tradicional de acampada da festa, cun investimento de 110.000 €. Tras formalizar o contrato coa empresa encargada da actuación, está previsto que en marzo comecen as obras que teñen por obxectivo renaturalizar o espazo do “Campo do Medio”, ao lado do curro de Sabucedo e do tramo antigo da estrada provincial EP-7101, para recuperar os valores ecolóxicos e crear un lugar de esparexemento para que visitantes e usuarios desfruten dos seus valores naturais e culturais todo o ano.
O espazo obxecto da actuación consiste nunha carballeira centenaria que acolle a zona de acampada da Rapa das Bestas, festa de interese turístico internacional. Inclúe mesas e bancos de pedra, zonas de barbacoa e unha zona de pista con gradas que, na actualidade, se atopa deteriorada, perdeu a cobertura superficial, presenta deficiencias na drenaxe e mal estado dos pavimentos e nos accesos peonís.
A través destas obras de mellora vaise poñer en valor a contorna mediante obras de regularización, arranxando o sistema de drenaxe, reparando firmes e mobiliario, instalando un novo peche e acondicionando a vexetación existente. Desta maneira, demoleranse arquetas e pozos, levantarase o firme, limparase a mampostería en bo estado de conservación e realizarase unha poda e saneo de árbores. Ademais, escavarase o terreo para acondicionalo, executarase unha capa de formigón, novas arquetas e pozos de rexistro, dotarase ao recinto de pasos de auga e dun sistema de recollida de pluviais, colocaranse novos tubos e abriranse cunetas. Finalmente executarase novo firme, subministrarase á contorna de terra vexetal, sementarase e colocarase unha valla rústica para pechar o recinto.