A Deputación apoia os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia con 260.000 euros para poñer en marcha iniciativas de fomento da igualdade
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, anunciou este mércores, nunha visita ao programa “Espazos de Lecer Concilia” de Barro, que a Xunta de Goberno desta semana aprobará a concesión das axudas dirixidas aos concellos para promover a igualdade e loitar contra a violencia de xénero
09/07/2025
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, anunciou este mércores en Barro que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno desta semana, que se celebrará mañá xoves 10 de xullo, o reparto das axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para a posta en marcha de iniciativas de fomento da igualdade e prevención da violencia machista, dotadas de 260.000 euros. Beneficiaranse destes recursos os 48 concellos que solicitaron a liña de axudas, que recibirán entre 2.200 e 6.000 euros.
Sandra Bastos, avanzou a aprobación dos recursos provinciais na Casa do Concello de Barro, onde o municipio está a impulsar a décima edición do programa "Espazos de Lecer Concilia" entre os meses de xullo e agosto para facilitar a conciliación das familias da vila. Trátase dun dos programas beneficiados da liña de axudas provinciais que recibiu a contía máxima, cunha achega de 6.000 euros, e no que están a participar un cento de rapazas e rapaces de Barro.
A través destas axudas, os 48 concellos beneficiarios van poder impulsar plans municipais de igualdade, actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, iniciativas para mellorar a formación e inserción laboral das mulleres, redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade. En concreto, 15 concellos porán en marcha iniciativas de capacitación e formación, 13 impulsarán proxectos de sensibilización e fomento da igualdade, 11 porán en marcha programas de conciliación e educación en igualdade e outros 9 traballarán nos plans municipais de igualdade.
A Deputación de Pontevedra está a destinar este ano 460.000 euros para fomentar a igualdade a través de dúas liñas de axuda. Ademais dos 260.000 euros que se aprobarán este xoves en Xunta de Goberno e que van dirixidos a 48 concellos da provincia, xa se aprobaron outros 200.000 para que 40 entidades sociais poidan impulsar programas para fomentar a igualdade e loitar contra a violencia machista.
