Luisa Sánchez participa no acto de presentación do concurso de relatos curtos Vigo Histórico

07/04/2025

Presentación do concurso de relatos curtos Vigo Histórico

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe en Vigo no acto de presentación do concurso de relatos curtos Vigo Histórico, promovido pola Editorial Elvira e que abre mañá o prazo de presentación de propostas. "Un concurso que leva 12 anos poñendo en valor a creatividade que emana de todos e cada un dos recunchos desta cidade de Vigo que, vendo o éxito das anteriores edicións, non é pouca", subliñou a vicepresidenta. Sánchez recordou que o certame recibe unha media de 200 propostas de relatos cada ano, "textos que nos convidan a camiñar polas rúas desta cidade olívica con calma, descubrindo un a un os seus barrios".

Para a Deputación de Pontevedra, tal e como recordou a vicepresidenta, é fundamental "colaborar con certames como este que demostran o viva que está a nosa cultura". Sánchez recordou a vontade do organismo provincial de "impulsar e promover as letras, os autores, os novos creadores e todas as múltiples manifestacións da nosa cultura, así como achegala a todo o mundo para que esta provincia sega a ser un auténtico fervedoiro cultural".  E, neste eido, comprometeuse a que a sede da Deputación en Vigo acolla o fallo do xurado do concurso, a finais de setembro, e o acto de entrega dos premios, a finais de novembro.