Luisa Sánchez agradece aos participantes do certame de relatos Vigo Histórico que teñan demostrado que “a nosa cidade está chea de historias”

A vicepresidenta provincial aproveitou, durante a gala de entrega de premios da duodécima edición, para animar a autores e autoras a “seguir escribindo, creando e contando o Vigo que vivides e imaxinades”

21/11/2025

Luisa Sánchez agradece aos participantes do certame de relatos Vigo Histórico

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, agradeceu este venres ás persoas participantes no certame de relatos Vigo Histórico que teñan demostrado que “a nosa cidade está chea de historias”. A representante provincial animou tamén a autores e autoras a “seguir escribindo, creando e contando o Vigo que vivides e imaxinades”.

Así o trasladou durante a gala de entrega de premios da duodécima edición, que se celebrou na sede que que a Deputación ten no casco vello vigués. Un acto que contou coa representación teatral da compañía Al Lío, da Fundación Igual Arte, e coas actuacións musicais de Bea Míguez e Alicia Cerrada.

O evento serviu para recoñecer publicamente a Iris Darriba, gañadora do primeiro premio do concurso coa súa obra ‘Solsticio’, e a Eduardo J. Ares, que quedou en segundo lugar con ‘O derradeiro concerto’. O fallo inclúe outros catro accésit. Ademais de recibir a dotación económica contemplada nas bases do certame, todos os galardoados verán publicados os seus relatos na obra ‘Relatos na Rúa’, na que se incluirán outros textos que non obtivesen premio pero que o xurado considere salientables. Este ano recibíronse 160 obras procedentes de diferentes partes do mundo.

“Grazas por demostrar que Vigo está cheo de historias. Algunhas están nos libros, pero todas están nas persoas. E vós sacádelas á luz para o noso gozo, para o gozo de quen lemos. É doado ler e gozar lendo. O que é difícil é escribir. Require tempo, cabeza, corazón e, sobre todo, gañas de contar algo que mereza ser compartido. Vós fixéstelo. Así que, de verdade, parabéns. E grazas novamente”, apuntou Luisa Sánchez durante a cerimonia.

A vicepresidenta puxo en valor o certame Vigo Histórico por fomentar a “ilusión por escribir, por ler e por seguir construíndo a memoria de Vigo desde olladas distintas”. Igualmente, defendeu a aposta da Deputación pola cultura en xeral e pola literatura en particular. “Cremos de verdade que a cultura non é algo ‘extra’. Non é algo onde se inviste o que sobra ou ao que se destinan cartos para cubrir o expediente. A cultura é parte do que somos como sociedade e por iso seguimos apoiando iniciativas como esta, que nacen da xente e volven á xente”, expresou.

Ademais, co gallo do décimo aniversario do pasamento do poeta Carlos Oroza, a representante provincial dedicou unhas palabras ao escritor vigués, “a quen lle gustaría estar aquí: quizais non tanto para entregar premios pero si para gozar con estes relatos, coas historias que se contan con Vigo como protagonista”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.