A Deputación presenta este xoves no Arquivo provincial o libro “Pontevedra en fotografías” de Luís Pereiro

O vicepresidente Rafa Domínguez asistirá ao acto, no que se dará a coñecer o primeiro volume dunha nova colección de fotografía local impulsada pola institución provincial

07/05/2025

A Deputación de Pontevedra presenta este xoves 8 de maio no Arquivo provincial o libro “Pontevedra en fotografías”, de Luís Pereiro. O vicepresidente Rafa Domínguez asistirá ao acto que comezará a partir das 19:00 horas, no que se dará a coñecer o que será o primeiro volume dunha nova serie de libros de fotografía impulsada pola Editorial da Deputación de Pontevedra. O acto ten entrada libre e haberá reparto de exemplares entre as persoas asistentes.

Coa edición deste título, a institución provincial pon en valor o talento dos fotógrafos da provincia que, a pesar de non ser profesionais, teñen alma artística e unha ollada única, polo que non deben quedar na recámara. “Pontevedra en fotografías”, coordinado por Antón Sobral, inclúe máis de 200 fotografías de paisaxes, monumentos, de celebracións como o Entroido, a Semana Santa ou a Feira Franca, ou tamén de detalles, todas elas de alta calidade técnica e localizadas na cidade de Pontevedra, tanto no seu casco histórico e urbano como nas parroquias. Así, a selección de fotografías captura unha poética visual desde a experiencia emocional do seu autor, na que salienta a presenza da luz e as súas oscilacións segundo a época na que foron realizadas.

Luís Pereiro, natural de Palas de Rei (Lugo), leva máis de tres décadas vivindo en Pontevedra, onde salienta o seu paso como docente de Lingua Galega no IES Luis Seoane de Monte Porreiro ata a súa xubilación en 2019. É fotógrafo afeccionado e as súas estampas da cidade de Pontevedra levárono a expoñer en lugares como o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. Ademais de repartirse entre os asistentes á presentación, a Deputación tamén distribuirá exemplares de “Pontevedra en fotografías” entre as bibliotecas públicas e puntos de lectura da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.