Luis López presenta as bases dos tres plans de acción comunitaria para o 2026: unha inxección de 3,24M€ para seguir sendo referencia no apoio ao movemento veciñal

O presidente provincial, xunto co deputado Javier Tourís, presenta as bases dos plans Provincia Comunitaria e +Aqua, que elevan a partida en case 300.000€; e o +Novaqua, que sube en 260.000€; para ampliar a cifra de 900 entidades atendidas neste mandato

29/01/2026

Luis López presenta as bases dos plans Provincia Comunitaria e +Aqua

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca unha nova inxección de recursos provinciais para os colectivos veciñais da provincia por valor de 3,24 millóns de euros a través de tres programas pertencentes ao servizo de Acción Comunitaria: as terceiras convocatorias do Plan Provincia Comunitaria e do +Aqua, dotadas cada unha con 1,44 millóns de euros; e a segunda convocatoria do +Novaqua, cunha partida orzamentaria de 360.000 euros. Nun encontro co movemento veciñal das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes celebrado no Museo do Moble da Estrada, o mandatario provincial presentou as bases das novas convocatorias de tres plans que están a ser un éxito de concorrencia, polo que o goberno provincial decidiu aumentar en 290.000 euros a dotación do Provincia Comunitaria e +Aqua; e en 260.000 euros, a do +Novaqua. “O que funciona, se reforza. Por iso anunciamos unha nova convocatoria destes plans co obxectivo de atender a máis colectivos, executar máis proxectos e construír unha provincia máis forte, máis equilibrada e máis xusta”, declarou o presidente Luis López, que estivo acompañado polo deputado responsable do Servizo de Acción Comunitaria, Javier Tourís.

A terceira entrega do Plan Provincia Comunitaria para o ano 2026, dotado inicialmente con 1,44 M€, está deseñada para que as entidades veciñais poidan beneficiarse de achegas de entre 6.000 e 10.000 euros para executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais, en infraestruturas nas que desenvolven as súas actividades ou en espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos seus fins; así como para adquirir novos equipamentos, mobiliario ou dispositivos informáticos, acústicos e audiovisuais. Trátase dun plan do que se beneficiaron un total de 402 entidades dos 61 concellos da provincia nas súas dúas primeiras convocatorias.

O Plan +Aqua, que tamén acada este ano a súa terceira edición cunha partida orzamentaria inicial de 1,44M€,  destina ás comunidades de auga axudas de entre os 6.000 e 10.000 euros para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias; realizar actuacións de dixitalización, sustentabilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga; mellorar os sistemas de tratamento e impulsar calidade da auga; legalizar novas concesións ou renovar as existentes e mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga. Nas dúas primeiras convocatorias, beneficiáronse destas axudas un total de 439 comunidades de auga de concellos de todas as comarcas da provincia.

O terceiro programa do servizo de Acción Comunitaria da Deputación é o +Novaqua, que ofrece este ano a súa segunda convocatoria cun orzamento inicial que acada os 360.000 euros. O obxectivo deste plan é colaborar coas comunidades de augas na regularización das traídas veciñais, concretamente en cuestións relacionadas coa redacción de novos proxectos, realización de analíticas, financiación dos custos dos estudos topográficos ou de xestión e mesmo para o pago das taxas correspondentes para o que poderán recibir axudas comprendidas entre os 350 e 4.000 euros. A primeira edición deste programa espertou un elevado interese ao repartir subvencións entre 70 colectivos de diversos concellos da provincia.

O prazo para a presentación de solicitudes atópase xa aberto e permanecerá activo ata o vindeiro 1 de abril.

Preto dun milleiro de colectivos atendidos

“Máis de 900 entidades beneficiarias, preto de 150 da comarca de Deza e Tabeirós, que poderán continuarán co seu labor grazas a estas novas convocatorias deseñadas especificamente para o tecido veciñal da nosa provincia que inxectarán —de xeito inicial e con posibilidade de aumentar as partidas en función da demanda— un total de 3,24M€. Máis recursos ca nunca, para impulsar máis proxectos ca nunca e para facilitar como nunca fixera esta Administración o voso labor. Porque este apoio non é un premio, nin unha chantaxe, senón un recoñecemento xusto e un exercicio de responsabilidade institucional con todos eses colectivos que poñen o seu tempo, as súas ideas e os seus recursos a disposición da provincia”, resumiu o presidente Luis López os resultados destes programas creados neste mandato polo goberno provincial.

Neste sentido, o dirixente provincial puxo en valor a elevada demanda que están a ter estas convocatorias e contrapuxo os 11,5 millóns de euros mobilizados polo actual goberno da Deputación coa falta de apoio ao movemento veciñal da etapa anterior. “Queriamos devolver e recoñecer ao movemento veciñal todo ese tempo, toda esa entrega e todos eses cartos que viñan poñendo á disposición da provincia durante tantos anos. E non só o faciades a cambio de nada, senón soportando un goberno que nin escoitaba, nin entendía nin atendía os colectivos que traballaban a prol da provincia. Pero iso cambiou por completo. Unha das primeiras medidas que tomamos nada máis tomar posesión do goberno da Deputación, foi a creación do servizo de Acción Comunitaria. Un servizo pensado para devolver á veciñanza todo ese esforzo que viña facendo pola provincia, un servizo cargado de iniciativas novidosas para canalizar e impulsar todas as accións en infraestruturas e cohesión territorial que estaban a soportar as entidades veciñais sen o apoio da Deputación, e un servizo que, como o goberno provincial, se caracteriza por tres palabras: Escoitar, Entender e Atender. Tres anos despois, podemos afirmar con satisfacción que menudo acerto”, declarou o presidente Luis López, quen quixo salientar o papel do deputado Javier Tourís na posta en marcha destes plans. “El é o artífice destes plans e mellor valedor que pode ter  movemento veciñal nesta provincia”, recoñeceu.

“O voso apoio e entusiasmo é o que nos anima a seguir lanzando un programa tras outro que recoñeza o voso labor e o faga máis doado”, concluíu o presidente provincial para agradecer a implicación dos colectivos veciñais con estes plans, reafirmar o compromiso da Deputación coa veciñanza e convidar a todos os potenciais beneficiarios destas tres convocatorias a que presenten as súas solicitudes.

Visitas a colectivos de Lalín e A Estrada

Antes do acto celebrado no Museo do moble da Estrada, o presidente provincial visitou as instalacións de dúas asociacións de veciños de Lalín e da Estrada para saúdar aos seus membros e coñecer de primeira man as actividades que realizan. Acompañado polo deputado Javier Tourís, o presidente Luis López visitou o local social da Asociación de Mulleres Rurais en Igualdade de Prado, no termo municipal de Lalín. Un colectivo que neste mandato recibiu un total de 20.000 euros a través do plan Provincia Comunitaria para mellorar os equipamentos da súa sede e ofrecer novas actividades aos seus membros.

A continuación, o mandatario provincial desprazouse ata o concello da Estrada para visitar o local da Asociación de Veciños de Tabeirós, que tamén recibiu dúas subvencións de 10.000 euros cada unha nos anos 2024 e 2025 para realizar diferentes melloras na súa sede.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.