A Deputación pon en valor o próximo mércores na Sede de Vigo da Deputación á primeira parella feminina de policías locais da cidade
O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o mércores 16 de setembro ás 19:30 horas na Sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo
10/09/2026
A Sala Rosalía de Castro da Sede da Deputación en Vigo acolle o vindeiro mércores 16 de setembro, ás 19:30 horas, un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola institución provincial para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión as protagonistas serán Marina Ledo e Begoña Villar, dúas mulleres que conformaron a primeira parella feminina de policías locais de Vigo. As persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer a súa experiencia en primeira persoa, nun acto no que ámbalas dúas policías locais estarán acompañadas da vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez.
Marina Ledo ingresou na Policía Local de Vigo en 1981 e, dous anos despois, vestiu o uniforme Begoña Villar. En 1985, fartas de que a cidadanía falase só cos seus compañeiros homes, fixeron historia ao converterse na primeira parella de mulleres policías locais que patrullaban xuntas as rúas de Vigo. Nun momento en que a presenza feminina nos corpos de seguridade era minoritaria, a súa incorporación en equipo simbolizou un cambio de mentalidade e un paso cara á igualdade real no ámbito policial. Ambas superaron as probas de acceso nunha convocatoria aberta e tiveron que afrontar non só o reto profesional de garantir a seguridade cidadá, senón tamén prexuízos e estereotipos de xénero.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez, Rita Fernández Queimadelos, Corona González, as mulleres do viño e este centrado na primeira parella feminina de policías locais da cidade, o programa pecharase cun faladoiro sobre a historia da cineasta Cruz Risco.