A Deputación pon en valor o próximo luns na Cañiza a figura de Rita Fernández Queimadelos, a primeira muller que asinou proxectos de arquitectura en España
O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o luns 23 de marzo ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Concello
18/03/2026
O Salón de Plenos do Concello da Cañiza acolle o vindeiro luns 23 de marzo, ás 19:30 horas, un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión a protagonista será Rita Fernández Queimadelos, a primeira muller que asinou proxectos arquitectónicos en España. Os asistentes ao faladoiro terán a oportunidade de coñecer aspectos da súa vida da man de María Carreiro, arquitecta doutora e divulgadora de arquitectura e urbanismo con perspectiva de xénero, que estará acompañada da deputada de Igualdade, Paula Bouzós.
O faladoiro centrarase na figura de Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos nacida na Cañiza, nun fogar de comerciantes, propietarios da mercería La Modernista, en Ourense. A pesar da oposición inicial do seu pai, co apoio decisivo das súas avoas, conseguiu estudar arquitectura en Madrid como parte da primeira xeración de arquitectas españolas. Converteuse na primeira galega titulada en Arquitectura, en 1940, e na primeira muller en España en asinar oficialmente os seus propios proxectos arquitectónicos. Faleceu en Barcelona o 26 de setembro de 2008, aos 97 anos, e deixou como legado un exemplo de perseveranza e talento que lle abriu portas a novas xeracións. Pioneira no desenvolvemento de proxectos de arquitectura civil, rehabilitación e vivenda social, foi unha referente decisiva para que outras mulleres avanzasen nunha profesión tradicionalmente masculina.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas e Matilde Vázquez, tras o dedicado a Rita Fernández Queimadelos seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da fotógrafa e xornalista Corona González, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.