A Deputación acolle a reunión de lanzamento do proxecto europeo Smart Building, dotado con máis de 2,5 millóns de euros para impulsar a eficiencia enerxética nos edificios públicos

O proxecto, que lidera a institución provincial e que conta coa participación de socios españois e portugueses, recibe preto de 1,9 millóns de euros dos fondos FEDER

21/04/2026

A Deputación acolle a reunión de lanzamento do proxecto europeo Smart Building, dotado con máis de 2,5 millóns de euros para impulsar a eficiencia enerxética nos edificios públicos

O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu hoxe a reunión inicial de coordinación do proxecto europeo Smart Building-COOP, unha iniciativa dotada con máis de 2,5 millóns de euros para impulsar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade dos edificios públicos na eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. O encontro, que reuniu persoal técnico e político das entidades socias, como o responsable de Fondos Europeos da Deputación de Ourense, José María Lago, foi inaugurado polo deputado provincial Javier Tourís, que destacou que este proxecto supón “cooperación que non é só institucional, senón tamén técnica, científica e estratéxica para o futuro dos nosos territorios”.

Tourís lembrou a importancia da "colaboración entre institucións e organismos" e da "conexión entre Galicia e o norte de Portugal" para impulsar “unha administración máis eficiente, sostible e innovadora, capaz de optimizar os recursos públicos e reducir o impacto ambiental”. O deputado destacou o intenso traballo da Deputación en materia de eficiencia enerxética, e remarcou que "desde a Unión Europea puxéronnos como un modelo nesta materia ao outorgar aos nosos proxectos unha das máximas puntuacións". Tamén adiantou novas iniciativas que a Deputación porá en marcha proximamente para "seguir mellorando a calidade de vida dos nosos veciños en materia de eficiencia enerxética", e avanzou que se está a traballar en dous proxectos para actuar contra a soidade non desexada das persoas maiores.

O proxecto Smart Building-COOP conta cun orzamento de algo máis de 2,5 millóns de euros, dos cales o 75%, preto de 1,9 millóns, están financiados con fondos FEDER a través da sexta convocatoria do programa Interreg Poctep 2021-2027. A Deputación de Pontevedra, como entidade beneficiaria principal, xestiona un orzamento de 534.336,67 euros. Con estes recursos desenvolverase e porase en marcha un sistema intelixente de xestión e monitorización enerxética en edificios públicos, baseado en redes intelixentes e tecnoloxías da información e a comunicación. A través da dixitalización do consumo enerxético, a integración de sensores IoT e a aplicación de intelixencia artificial e Big Data, permitirá optimizar o consumo, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia operativa das infraestruturas públicas.

A reunión celebrada hoxe marca o inicio dos traballos de coordinación técnica e institucional que permitirán avanzar na execución deste proxecto estratéxico, chamado a converterse nun referente na xestión enerxética intelixente dos edificios públicos na eurorrexión. Xunto á Deputación de Pontevedra participan neste proxecto como socios a Deputación de Ourense, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Universidade de Vigo, pola parte española, e a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a CIM Alto Minho, pola parte portuguesa. Ademais, conta coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) como socio sen financiamento.

audios