A Deputación chega esta fin de semana á Culturgal con cinco propostas culturais para todos os públicos

O venres 27 terá lugar a presentación dun proxecto inclusivo levado a cabo no Museo de Pontevedra esta primavera, así como un espectáculo de danza a cargo do Ballet de Galicia

23/11/2026

A Deputación de Pontevedra desenvolverá esta fin de semana un total de cinco accións culturais no marco da nova edición da Culturgal, que terá lugar entre os días 27 e 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A institución provincial ten programadas a presentación dunha experiencia creativa e diversa relacionada co Museo de Pontevedra, así como un espectáculo de ballet e distintas accións de narración oral e de artes escénicas para todos os públicos.

A primeira acción está relacionada co proxecto “Museo singular, mirada plural”, unha experiencia creativa que reinterpreta o Museo de Pontevedra desde a diversidade e que foi desenvolvida na primavera. No marco da Culturgal darase a coñecer a publicación que recolle a memoria do proxecto, o venres 27 ás 12:30 horas. A Deputación e Proxecto Aire convidaron usuarios e usuarias de EVD Galicia e Down Xuntos Pontevedra a coñecer mellor as obras de arte e achegar as súas visións desas pezas a través da expresión plástica e a posta en escena. Desa actividade xurdiu un vídeo resumo e a publicación que se presentará o venres, a modo de memoria e de divulgación dos obxectivos, procesos e resultados do proxecto.

Tamén o venres, ás 18:15 horas na Praza PuntoGal do Recinto feiral, terá lugar o espectáculo de danza “Deica logo, meu rei” do Ballet de Galicia. Trátase dunha proposta sobre o paso do tempo, as despedidas e todo aquilo que permanece entre o que fomos e o que seremos. A obra pregúntase que acontece mentres o tempo pasa, os instantes esvaecen e os camiños se separan, para reflexionar arredor de todo o que sucede entre un encontro e unha despedida.

Xa o domingo, a programación da Deputación comezará ás 12:00 horas no escenario do auditorio do Pazo da Cultura co espectáculo de narración oral con música e danza “Peixe valente”, a cargo de Sonsoles Penadique. A acción fala sobre un peixe que está canso de bailar ao son da súa familia e precisa marchar e moverse libre río abaixo para perseguir o seu soño.

Pola tarde, ás 17:00 horas no Espazo Escénicas, terá lugar “O miradoiro”, a cargo de Alomais Teatro. O espectáculo fala da condición humana no século XXI, da loita entre o ideal e o real, dos coidados, a comunicación e as brechas. Trátase dunha lectura performativa na que unha peculiar parella ten dúas visións do mundo opostas e se pregunta se son irreconciliables.

Por último, ás 18:00 horas no Espazo infantil terá lugar un espectáculo da compañía Oviravai, que leva máis dunha década levando á xeografía galega un proxecto que definen como “unha fábrica de soños” na que conviven a música, os espectáculos e os libros para falar sobre o respecto pola natureza, a reciclaxe, a diversidade ou o amor pola lingua galega.