A Deputación de Pontevedra apoia a programación cultural de Évame Oroza para 2026 con oito exposicións e unha ampla axenda de actividades en Vigo

A sede do Casco Vello acollerá a mostra ‘Oroza, poeta camiñante’, que repasará a traxectoria do escritor Carlos Oroza a través de material gráfico e textual procedente do seu arquivo persoal

17/03/2026

A Deputación de Pontevedra apoia a programación cultural de Évame Oroza para 2026 con oito exposicións e unha ampla axenda de actividades en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na presentación da programación cultural que a Asociación Évame Oroza desenvolverá en Vigo ao longo do ano 2026. Un acto no que tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta na cidade olívica, Ana Ortiz, e o director da entidade, Xabier Romero.

A programación, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, inclúe unha “intensa” axenda de actividades abertas á cidadanía, entre as que destacan oito exposicións de arte, un ciclo de conferencias, recitais de poesía e eventos culturais propios que consolidan a este espazo como “un dos focos culturais máis dinámicos da cidade”.

Durante a súa intervención, a vicepresidenta puxo en valor o traballo desenvolvido pola asociación nos últimos anos para dinamizar a cultura en Vigo. “Évame Oroza demostrou unha extraordinaria capacidade para xerar unha oferta diversa e aberta, que combina exposicións, actividades literarias e encontros con creadores e que enriquece a vida cultural da cidade”, sinalou.

No ámbito expositivo, a programación reunirá a artistas de distintas xeracións e disciplinas, combinando nomes consolidados da arte galega con creadores contemporáneos. Entre as mostras previstas figuran as exposicións de HeyJuddy, Marta Bran ou Jesús Otero, así como propostas de artistas como Xosé Miranda, Blas González ou Natasha Lelenco.

A programación tamén inclúe unha aposta destacada pola recuperación e difusión de grandes figuras da arte galega, con exposicións dedicadas a Laxeiro e Mercedes Ruibal.

Exposición na sede de Vigo

Un dos momentos máis destacados terá lugar en setembro, cando a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolla a exposición ‘Oroza, poeta camiñante’, dedicada á vida e obra do poeta Carlos Oroza.

A mostra permitirá percorrer a traxectoria vital e literaria do autor a través de paneis con material gráfico e textual procedente do seu arquivo persoal, así como dunha selección de obxectos, libros, manuscritos e publicacións que forman parte do legado que conserva a asociación Évame Oroza. A exposición completarase con materiais audiovisuais que permitirán escoitar ao propio poeta recitando e coñecer documentos sonoros inéditos.

“Será unha oportunidade para render homenaxe a unha das voces máis singulares da poesía contemporánea e para recoñecer o legado que Carlos Oroza deixou en Vigo”, apuntou Luisa Sánchez.

Conferencias e poesía escénica

Xunto ás exposicións, Évame Oroza organizará un ciclo de conferencias baixo o título “Falamos de…”, no que participarán especialistas de distintos ámbitos para abordar temas como o cambio climático, a novela negra galega, a historia compartida entre Galicia e América Latina ou o papel do cine na educación.

Outro dos eventos máis agardados polo público será a nova edición da “Sesión de espiritismo”, un recital de poesía escénica que combina lectura, teatro e participación do público nunha proposta singular que se ten consolidado como unha das citas máis populares do espazo. A programación anual complétase con outras iniciativas como o Festival de Poesía e Oralidade Máis Alto que o Ceo.

“Na programación deste ano atopamos propostas de artistas emerxentes e contemporáneos. Tamén de figuras de grande relevancia no panorama artístico galego. Hai pintura, fotografía, literatura… En definitiva, tócanse moitas disciplinas, mestúranse miradas diversas e recórrese a diferentes xeracións”, concluíu a vicepresidenta provincial.