A Deputación destina preto de 42.000 euros ao Concello de Pazos de Borbén para a mellora da eficiencia enerxética e reparación nas EDAR de Amoedo e Nespereira

Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello preto de 835.000 ao sumar máis de 490.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 344.000 euros da liña de investimentos do 2027

07/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de preto de 42.000 euros para que o Concello de Pazos de Borbén afronte a mellora da eficiencia enerxética e a reparación nas EDAR de Amoedo e Nespereira. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello preto de 835.000 euros, ao sumar máis de 490.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 344.000 da liña de investimentos do 2027.

Cos recursos provinciais procederase a modernizar a EDAR de Amoedo e acometer as actuacións necesarias para modernizar e mellorar a EDAR de Nespereira I, adaptándoas ao uso de enerxías menos contaminantes e renovando os equipos obsoletos, simplificando o seu funcionamento e minimizando tamén o custo do seu mantemento.

No caso da EDAR de Amoedo incorporarase unha nova bomba de auga bruta no pozo de chegada, para dispoñer dun sistema de bombeo cunha bomba en funcionamento e outra en reserva. Pola súa banda na EDAR de Nespereira I procederase a instalar unha nova bomba de auga bruta no pozo de chegada, con actuación mediante variador de frecuencia, permitindo a regulación do caudal de auga impulsada cun mellor resultado que con outros sistemas de control non lineais. Tamén se renovará o equipo de subministración de aire e osíxeno, para a depuración biolóxica, que persegue unha maior eficiencia no proceso e un menor consumo enerxético.