Rafa Domínguez participa na entrega do VI Premio Cámara de Comercio-ENCE á Innovación Forestal celebrado no Pazo provincial

06/06/2026

Rafa Domínguez participa na entrega do VI Premio Cámara de Comercio-ENCE á Innovación Forestal celebrado no Pazo provincial

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este martes no acto de entrega do VI Premio Cámara de Comercio-ENCE á Innovación Forestal que se celebrou no Salón de Plenos do Pazo provincial. O vicepresidente agradeceu as dúas entidades por “repetir e concedernos o honor de volver acoller este acto, e que este sexa a escenificación dunha colaboración estable e continua con dúas institucións de tanto calibre na cidade e na provincia”, asegurou.

Rafa Domínguez sinalou que os premios poñen en valor a innovación forestal dentro dos ámbitos académico, investigador e empresarial “nunha provincia na que a superficie forestal é fundamental para o seu desenvolvemento social e económico”. A este respecto, o vicepresidente lembrou que en Galicia existen 3.300 empresas forestais que representan o 12% da industria e o 1,7% do PIB, con 20.000 empregos directos e 70.000 indirectos, e preto de 12.000 directos exclusivamente na madeira. “Por iso quero dar os parabéns a Ainoa Míguez, Héctor Rivada, Manuel Guaita, Iván e Óscar Andrés Quintela, Ignacio Urbán e Abel Castro”, continuou Domínguez, e “tamén a ENCE e a Cámara de Comercio por crer na innovación e dar visibilidade a estas extraordinarias ideas para o aproveitamento forestal do noso patrimonio natural”, concluíu.

Galerias de imagenes