Luis López celebra os éxitos dos xogadores do Ravachol, Raúl Bergua e Suevia García, no campionato de España de bádminton que demostra o potencial da provincia do deporte
O presidente da Deputación, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, expresa o recoñecemento da provincia aos campións de España sub 19 e sub 11 e felicita ao equipo pontevedrés polo seu labor para formar novos deportistas
12/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra os éxitos acadados polos xogadores do Club Bádminton Ravachol, Raúl Bergua e Suevia García, nos campionatos de España celebrados en Huelva, como unha nova mostra do potencial da provincia do deporte. Unha competición na que que o primeiro conseguiu proclamarse campión nacional na categoría júnior e a segunda sumou tres medallas na categoría sub 11, entre elas o ouro en dobres feminino. "Son dous campións que, xunto co Ravachol, certifican que esta é a provincia do deporte", declarou o mandatario provincial nun encontro cos campións e dirixentes do club no Pazo provincial no que tamén participou o vicepresidente Rafa Domínguez.
O dirixente provincial puxo en valor o traballo, constancia e sacrificio que realizan tanto os xogadores como o club a diario e que ten como consecuencia este éxito. "O Ravachol promove o deporte de base e os seus deportistas levan o nome da provincia por toda España. Sentímonos moi orgullosos e queremos darvos os parabéns, tamén a un club que é capaz de moldear ese talento que tedes", salientou López.
Un compromiso coa promoción dos valores do deporte e de hábitos de vida saudable que é compartido pola Deputación a través de distintas iniciativas, como a recentemente creada canteira de canteiras de O Noso Club para facilitar a práctica de distintas modalidades deportivas á mocidade de toda a provincia.
"Agardo que a esta primeira recepción lle sigan moitas máis, será sinal de que tanto Raúl e Suevia, como o Ravachol e a Deputación seguimos polo bo camino", concluíu o presidente provincial.
