A Deputación aclara que o Concello de Redondela pediu a axuda de emprego do +Provincia tres semanas despois de aberto o prazo e que podía contratar con anterioridade
A institución provincial lembra que os concellos teñen a posibilidade de iniciar os procesos de contratación do persoal da liña 3 con anterioridade a aprobación definitiva das subvencións
04/03/2026
A Deputación de Pontevedra quere aclarar, ante as manifestacións realizadas polo Concello de Redondela esta semana, que a tramitación das axudas do Plan +Provincia segue criterios técnicos e administrativos rigorosos, garantindo a igualdade e o trato entre todos os municipios da provincia.
No caso concreto de Redondela, lembra que o prazo para solicitar subvencións ao abeiro do +Provincia e, en concreto, da liña 3 de activación do emprego, se abriu o pasado 5 de xaneiro, e o Concello non formalizou a súa petición ata o 22 de xaneiro, case tres semanas despois, polo que “resulta contraditorio falar agora de urxencia cando a tramitación non se realizou ao inicio do período habilitado”.
Ademais, a Deputación subliña que os concellos poden iniciar os diferentes procesos de contratación con anterioridade a aprobación definitiva da subvención, xa que se concede con carácter retroactivo para contratacións efectivas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro. Iso significa que Redondela podería ter avanzado xa na selección do persoal e estar asumindo os custos salariais, que serían posteriormente subvencionados conforme ás bases do Plan +Provincia. Aprobáronse na Xunta de Goberno de 27 de febreiro 247.823 euros para Redondela para contratar 6 peóns de obras e servizos e 2 axudantes de servizos a xornada completa durante 9 meses e 3 guías turísticos a xornada completa durante 6 meses