A Deputación avanza que destinará preto de 60.500 euros á renovación da área de lecer da Carballeira do Cacharado, na Cañiza

A deputada provincial Nava Castro visitou hoxe a zona na que se investirán recursos do Plan +Provincia que este ano destina á Cañiza preto de 634.000 euros

06/05/2025

Nava Castro na Cañiza

A deputada provincial Nava Castro visitou hoxe A Cañiza onde anunciou que a Deputación financiará con preto de 60.500 euros da liña 1 do Plan +Provincia a renovación da área de lecer da Carballeira do Cacharado. Castro adiantou que os recursos serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e recordou que o organismo provincial destina este ano á Cañiza preto de 634.000 euros no marco do +Provincia.

A deputada provincial deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que buscan crear unha zona de xogos e deporte segura e ao aire libre a través dun espazo atractivo, seguro, con carácter único e singular e pensado tamén para a integración de nenas e nenos con mobilidade reducida. En liñas xerais, a actuación abrangue unha superficie de 322 metros cadrados onde se realizarán actuacións previas de levantamento topográfico e retirada de elementos de xogo, varanda e pavimentos existentes; demolicións e movementos de terra, así como escavacións necesarias para as cimentacións e foxos; creación dun espazo de xogo infantil con pavimento de amortiguación,  torre múltiple, arrandeadoiro con niño e asento para bebé, carrusel e zona de areeiro; reparación da zona deportiva, que se revestirá e contará con nova marcaxe e sinalización, segundo a normativa; peche da zona de xogo e deportiva e instalación de mobiliario urbano e sinalización.

Castro puxo en valor o Plan +Provincia, un programa que representa “á perfección a nosa forma de traballar, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para transformalos e, así, conseguir que esta provincia avance como nunca antes fixera”. E asegurou que “plans como este permiten que concellos como A Cañiza poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras como esta na Carballeira do Cacharado, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.