A Deputación destina 65.000 euros para que 25 entidades e Vigo e do sur da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega
A liña de axudas, que repartiu 150.000 euros entre 61 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía
07/07/2026
A Deputación de Pontevedra destina este 65.000 euros a 25 colectivos de Vigo e do sur da provincia para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar esta liña de axudas das que este ano resultaron beneficiarias un total de 61 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.
En Arbo a Asociación Recreativa y Cultural Barca de Loimil contará con 3.500 € para Arbo Canta en galego, en Gondomar a Asociación Cultural San Vicente Mañufe con 970 € para o X Certame Literario “Verbas Novas”, en Mondariz a Asociación Vecinal, Cultural e Etnográfica San Cibrán con 3.977 € para crear unha base de datos espacial da microtoponimia; en Mos a Asociación Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural con 3.009 € para a creación de contido audiovisual en galego para o VI Foro da Muller Rural Galega; en Nigrán a Fundación Carlos Casares con 4.000 € para o proxecto “Dende o galego, con humor”; no Porriño a Asociación Cultural Os Penediños con 3.420 € para a conmemoración do Día das Letras Galegas 2026; en Redondela a Asociación Centro Social, Cultural, Recreativo, Deportivo e da Terceira Idade de Vilar de Infesta con 4.000 € para a segunda edición de Falade galego rapazada, tamén nas redes, meu!; no Rosal a Asociación Agrupación Musical do Rosal con 4.000 € para contos de Ledicia Costas, e en Salvaterra de Miño a Asociación Sociedade Cultural e Deportiva Condado contará con outros 4.000 € para o proxecto Mocidade e poesía; creación literaria e poesía oral no Condado.
Por último, 16 entidades de Vigo beneficiaranse destas achegas: a Asociación Cultural Traspés recibirá 1.755 € para a análise do galego empregado nas cantigas tradicionais; a Asociación Cultural Xarabal 440 € para Xarabal en Letras II; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer y Otras Demencias de Galicia 4.000 € para o XII Certame de relatos curtos “Nun recuncho da memoria” 2026: o do anticipado no Alzheimer; a Asociación Espazo Alicerces 2.329 € para o proxecto Galego con Acento e a Asociación de Vecinos San Roque 1.650 € para o XIX Concurso Letras Galegas. Ademais, a Asociación de Veciños de Beade contará con 847 € para actividades relacionadas coas Letras Galegas 2026; a Asociación Folclórica e Cultural O Fiadeiro con 1.411 € para o obradoiro de canto e pandeireta: a pandeireta en Xende de Cerceda; a Asociación Más Debate con 3.750 € para o Torneo de oratoria Letras Galegas; a Asociación Mulleres Pedra da Vella con 3.075 € para a súa “Bolsa Poética”, e a Asociación Sforza de Bembrive recibirá 1.245 € para Voces Novas.
Por outra banda, a Asociación Nononon Org recibirá 3.975 € para As Letras da Nova Música Galega; a Asociación Pro-Escola Semente Vigo 3.750 € para actividades de dinamización e normalización da lingua galega; a Asociación Sociocultural As da Industria con 412 € para a celebración do Día das Letras; o Ateneo Atlántico 1.500 € para o certame literario 6º Premio Exeria Ateneo Atlántico; o Ateneo Musical de Bembrive 1.1245 € para a terceira edición de “Chega o Nadal” e, por último, a Fundación para a Pesca e o Marisqueo recibirá 2.8113 € para os obradoiros “O mar a raias nas aulas”.
“Desde a Deputación temos claro que temos que apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia -remarcou o presidente Luis López trala Xunta de Goberno da Deputación-. Investir na nosa lingua é investir no futuro da nosa provincia, no futuro de Galicia”.