A Deputación de Pontevedra envía ao Concello de Vigo un requirimento técnico para salvar o investimento de 2,5 millóns en Finca Matías
O Servizo de Cooperación advirte da obriga de motivar a prórroga do convenio para obter o informe positivo da comisión de seguimento e conservar así o financiamento
16/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, informou este xoves do envío dun requirimento técnico por parte do servizo provincial de Cooperación ao Concello de Vigo para advertir de que cómpre motivar a prórroga do convenio de Finca Matías, un paso que a administración municipal aínda non deu.
Tal e como recordou a representante da Deputación en Vigo, a demora do goberno local no inicio das obras fai necesario ampliar o prazo de vixencia do devandito convenio. Para validar ese trámite é obrigatorio motivalo e obter posteriormente o informe positivo da comisión de seguimento. Porén, o Concello non cumpriu con este requisito e, ademais, non compareceu na reunión convocada a semana pasada, o cal imposibilita avanzar no obxectivo de garantir o financiamento provincial de 2,58 millóns de euros destinado á creación dun gran parque de xogos neste punto da cidade.
Luisa Sánchez reiterou a disposición da institución provincial por blindar este investimento e instou ao Concello de Vigo a amosar tamén a súa vontade. Neste sentido, reclamou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero que dea prioridade aos intereses da cidade. “O Concello debe participar nesa comisión de seguimento para avanzar na solución, porque entendemos que a motivación non debería supoñer ningún obstáculo”, indicou.
Con todo, a vicepresidenta quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía viguesa e garantiu que Vigo manterá os 2,58 millóns de euros consignados. “A cidade non vai perder estes fondos. Se finalmente non poden investirse en Finca Matías, desde a Deputación buscaremos un destino alternativo, pero sempre dentro de Vigo”, concluíu.