A Deputación adxudica por valor de máis de 180.000 euros a restauración da senda fluvial do río Tea ao seu paso por Ponteareas

Actuarase entre a área recreativa de Moscadeira e o límite co Concello de Mondariz, onde se realizarán tarefas de conservación e recuperación

28/02/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por valor de 180.000 euros as obras de restauración e conservación da senda fluvial do río Tea. En concreto, varios tramos que discorren polo Concello de Ponteareas, entre a área recreativa de Moscadeira e o límite co concello de Mondariz, van ser obxecto desta intervención para a súa recuperación.

Con estes recursos, enmarcados no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos, financiado con fondos NextGenerationEU, vaise recuperar esta zona, considerada de gran interese ambiental, cultural e recreativo, que se trata dun nexo de unión entre parroquias e termos municipais. Ao detalle, a mellora desta contorna reparará o pavimento da senda en varios tramos e contempla tamén a limpeza, revexetación e reforzo da marxe do río mediante a aplicación de bioenxeñería e da construción de muros en zonas puntuais. Inclúese tamén a reparación e tratamento de varias pasarelas de madeira, a colocación de sinais direccionais e, entre outras cuestións, a reconstrución dunha ponte.

A senda fluvial do río Tea en Ponteareas conta cunha importante afluencia de usuarios e representa á perfección a paisaxe do bosque de ribeira da provincia de Pontevedra. O percorrido completo desta senda abrangue os municipios de Mondariz, Mondariz-Balneario e Ponteareas ata a súa confluencia en Salvaterra do Miño, converténdose nun dos eixos de mobilidade sostible máis importantes da contorna.