A Deputación leva máis de 100 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo
Veciños e veciñas de 24 concellos da provincia gozarán de estancias no Grove e Sanxenxo con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
07/03/2026
Veciños e veciñas de 24 concellos da provincia gozarán de estancias no Grove e Sanxenxo con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
Pazo provincial, 7 de marzo 2026. Máis de 100 persoas de 24 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar, con estadías no Talaso Hotel Louxo La Toja, no Grove, e no Hotel Carlos I Silgar, en Sanxenxo. Durante cinco días, ata o venres 13, accederán aos seus servizos de termalismo e similares en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural para fomentar o envellecemento activo.
Desta maneira, ata o Talaso Hotel Louxo La Toja desprazarase un grupo de 60 persoas, composto por 4 persoas de Baiona, 2 de Caldas de Reis, 4 de Cangas do Morrazo, 2 da Cañiza, 10 de Covelo, 2 de Cuntis, 5 de Marín, 6 de Moaña, 4 de Mos, 1 de Oia, 2 de Poio, 11 de Pontevedra, 2 de Redondela, 2 de Tui e 3 de Vilagarcía de Arousa. Ademais, serán 45 as persoas que desfruten da súa estancia no Hotel Carlos I Silgar, das cales 3 son de Cambados, 1 de Cangas, 1 de Covelo, 1 da Guarda, 6 de Marín, 1 de Meaño, 2 de Mos, 4 das Neves, 2 de Nigrán, 2 de Pazos de Borbén, 3 de Pontevedra, 3 do Porriño, 9 de Redondela, 3 de Silleda, 2 de Vila de Cruces e 2 de Vilagarcía de Arousa.
No marco do programa de termalismo +Benestar preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz-Balneario, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.