A Deputación programa este venres o segundo concerto no Museo de Pontevedra das Noites de Música Antiga, con Iberian Ensemble
A formación portuguesa ofrece o 24 de xullo ás 19:00 h no Edificio Castelao unha actuación centrada no estilo galante do século XVIII
20/07/2026
A Deputación organiza no Museo de Pontevedra a 16ª edición das Noites de Música Antiga, un programa de concertos que este ano se centrará na música do período barroco. Do 16 ao 30 de xullo, pasarán polo Edificio Castelao tres conxuntos especializados. O segundo dos concertos ten lugar este venres 24 de xullo ás 19:00 h no Edificio Castelao, coa actuación da formación portuguesa Iberian Ensemble.
O ciclo, dirixido polo profesor da Universidade de Vigo Luís Costa Vázquez, complétase con outros dous concertos: un deles tivo lugar a pasada semana con Laia Terré & Lorenz Rupil e o segundo será o próximo xoves 30 de xuño cos galegos galegos Teucro Trío. O acceso a todos os concertos é libre ata completar a capacidade.
Iberian Ensemble centrará a súa actuación deste xoves no estilo galante, un modo de facer que se despregou por toda Europa entre 1730 e 1770 e que se caracteriza pola claridade da súa expresión e por estar máis dirixido a unha recepción sensual e inmediata que á abstracción intelectual. Neste estilo sitúanse os compositores do programa deste concerto, no que soarán pezas de Johan Joachim Quantz, Joan Baptista Pla, Josep Pla e Carl Philipp Emanuel Bach.
A formación Iberian Ensemble foi fundada en 2012 por Alexandre Andrade co obxectivo de xunguir a investigación musicolóxica e a interpretación da música ibérica dos séculos XVII, XVIII e XIX. A Participou en prestixiosos festivais de música antiga en Portugal, España, Reino Unido, Croacia, Serbia, República Checa ou Grecia. As e os seus membros son intérpretes cunha ampla formación académica especializada na música antiga en diversas institucións europeas e americanas. Ademais de formar parte deste grupo, desenvolven carreiras artísticas propias noutros ámbitos e espazos, o que lles confire unha elevada cualificación profesional e proxección.
Ademais de Alexandre Andrade, na dirección artística e frauta barroca, Iberian Ensemble está composto por Marina García-Bouso, violín barroco; Karen Barbosa, violonchelo barroco; Ivan Oliveira, tiorba e guitarra barroca; e Catarina Sousa, clavecín.
