A Deputación organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

Entre o 7 e o 10 de xullo realizaranse accións telemáticas e presenciais arredor de asuntos como o márketing dixital, a creación de sitios web ou o Kit Dixital

06/07/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 7 e o xoves 10 de xullo e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como o márketing dixital, a creación de sitios web ou o Kit Dixital.

O luns 7 de xullo celebrarase o obradoiro en liña “Crea a túa páxina web con Elementor”, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. Elementor permitirá aos participantes, gratuitamente e sen ter coñecementos de programación, crear o seu sitio web de WordPress de maneira profesional, doada e rápida. A sesión será impartida por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, que conta cunha ampla experiencia asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e o marketing dixital. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O martes 8 de xullo, en formato telemático ás 11:00 horas, terá lugar o obradoiro “CRO: consegue que o teu sitio web venda (máis)” coordinado pola oficina do Porriño. Está dirixido a persoas que non saben como converter en vendas as visitas do seu espazo en Internet. Da man de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais e con máis de 8 anos de experiencia en proxectos web, aprenderán técnicas básicas, pero infalibles, para transformar os visitantes en clientes. Os interesados poden inscribirse no seguinte formulario.

Por último, o xoves 10 de xullo, a Deputación organiza ás 12:00 horas o obradoiro presencial “Kit Dixital: como sacarlle o máximo proveito”, organizado pola oficina de Cambados. O Kit Dixital é unha iniciativa do goberno español dirixida a pemes e autónomos co obxectivo de impulsar a súa transformación dixital a través de axudas financeiras. Nesta sesión, o axente autorizado do programa, Ángel Chantre, guiará os participantes por todo o proceso para poder acceder a estas subvencións e aproveitar ao máximo os seus beneficios. As inscricións pódense realizar neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.