A Deputación organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

O organismo provincial impulsa entre este luns e venres accións formativas centradas na intelixencia artificial, a arquitectura visual, a xestión de canles, a protección de datos e as redes sociais

11/01/2026

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas requiren inscrición previa, celebraranse do luns 12 ao venres 16 de xaneiro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a intelixencia artificial, a arquitectura visual, a xestión de canles, a protección de datos e as redes sociais.

O luns 12 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro telemático “Intelixencia artificial: como facer prompts correctos”, organizado pola oficina de Barro. As persoas participantes aprenderán técnicas avanzadas para traballar coa intelixencia artificial, evitando erros e explorando aplicacións prácticas. Na sesión, o asesor do Centro de Desenvolvemento Industrial Informatizado de Barro, Manuel Tornos, dará tamén pautas sobre os prompts e o futuro da interacción coa intelixencia artificial. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O martes 13 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro telemático “Affinity by Canva IV- Arquitectura visual”, organizado pola oficina de Ponteareas. Guillermo Nass, técnico en deseño gráfico publicitario, explicará os principios da arquitectura visual, a xerarquía tipográfica, o uso do espazo e da composición, a práctica en Affinity e dará consellos para un acabado profesional. As inscricións pódense realizar neste formulario.

Pola súa banda o mércores, 14 de xaneiro, terán lugar dúas sesións. A primeira delas, organizada pola oficina de Vigo e a cargo da licenciada en Turismo Patricia Cabaleiro, centrarase na xestión de canles, os seus usos e vantaxes e as ferramentas máis interesantes do mercado e as persoas interesadas pódense inscribir na seguinte ligazón. A segunda, organizada pola oficina de Cambados, trátase dun debate, moderado pola asesora Fátima Falide e coa participación de José Luis Taboada e Manuel Tornos, sobre a intelixencia artificial, os seus retos, oportunidades e impacto real (inscrición neste formulario).

O xoves 15 de decembro ás 12:00 horas, organizado pola oficina de Barro, terá lugar telematicamente a sesión “Protección de datos para as pemes II. Defende a túa empresa”, na que Manuel Tornos, afondará na ciberseguridade básica, na prevención activa, nos riscos sociais e na estratexias para concienciar e formar aos equipos na cultura da seguridade. As persoas interesadas poden inscribirse no seguinte enlace.

Finalmente, o venres 16 de xaneiro ás 12:00 horas desenvolverase o obradoiro en liña “Fotografía e vídeo para redes sociais”, a cargo da licenciada en Estudos Artísticos de Deseño Gráfico Lara Taboada e organizado pola oficina de Pontevedra. Neste caso, achegarase información sobre o teléfono intelixente como ferramenta de contido, a realización de fotografía para redes, a creación de vídeos con impacto e, entre outras cuestións, a edición dos materiais audiovisuais desde o móbil. As inscricións pódense realizar na seguinte ligazón.

A Deputación destina 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.