A Deputación organiza a próxima semana un novo obradoiro de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

O mércores 27 de agosto realizarase unha acción telemática arredor das redes sociais e do uso de Instagram como ferramenta de márketing dixital

24/08/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana un novo obradoiro de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. A acción "Como utilizar Instagram para promover a túa empresa", en formato telemático e con inscrición previa, celebrarase o mércores 27 de agosto a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas.

De uso sinxelo e cun gran público potencial, Instagram permite aos profesionais e ás empresas conectar de forma rápida coa súa audiencia, creando unha imaxe de marca próxima e formando unha comunidade activa arredor dela. Na sesión os participantes coñecerán as súas funcionalidades desde un enfoque profesional e tamén como aplicar a mellor estratexia en función dos seus obxectivos. O obradoiro será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas cunha ampla experiencia asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e do márketing dixital, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.