A Deputación organiza a próxima semana dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

Este luns e martes realizaranse accións telemáticas arredor de temas como a construción dunha marca persoal ou as estratexias de contidos en Instagram

28/12/2025

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse o luns 29 e o martes 30 de decembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a construción dunha marca persoal ou as estratexias de contido en Instagram, entre outros.

O luns 29 de decembro a partir das 12:00 horas celebrarase o obradoiro telemático “Construe a túa marca persoal con propósito e estratexia” coordinado pola oficina de Vigo. Esta sesión intensiva está deseñada para emprendedores, profesionais e calquera persoa que queira tomar o control da súa reputación e visibilidade. Aprenderán a identificar o seu propósito e os seus valores únicos, transformándoos nunha identidade de marca clara e convincente. Abordaranse estratexias esenciais de comunicación dixital e narrativa para conectar co público ideal, así como métodos prácticos para xestionar a súa presenza en liña, tanto en redes sociais como profesionais. Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación con máis de 10 anos de experiencia en emprendemento será a docente encargada de impartir a formación, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

Por outra banda, o martes 30 de decembro ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro en liña “Workshop express de Instagram” coordinado pola oficina de Lalín. As persoas participantes aprenderán a identificar o que funciona e o que non en Instagram, a crear estratexias decisivas e a comprender as métricas máis básicas coas que fundamentar as súas decisións. Coa axuda de Fátima Failde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa, acabarán definindo un método en Instagram para implementar coa súa propia marca o vindeiro ano. As inscricións para esta sesión pódense realizar neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.