A Deputación organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
Entre o luns 1 e o xoves 4 de setembro realizaranse accións telemáticas arredor de Canva, Google Analitics e a impresión 3D
31/08/2025
A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a aplicación de Canva na hostelería, o uso de Google Analitics na toma de decisións, e a impresión 3D.
O luns 1 de setembro celebrarase o obradoiro "Canva para Hostelería: Deseña menús e contido para redes", a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Lalín. As persoas participantes aprenderán a deseñar con Canva menús dixitais e físicos, a crear stories e posts e a personalizalos co seu estilo e cores corporativas. Con esta ferramenta e sen necesidade de ser unha persoa experta en deseño gráfico, poderán mellorar a súa presenza en liña aforrando tempo. A sesión será impartida por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
O mércores 3 de setembro ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro "Impresión 3D no 2025, Slicers actuais 4/4, OrcaSlicer" coordinado pola oficina de Barro. Este obradoiro abordará a creación e optimización de perfís e materiais de impresión, a fusión ou división de pezas e a aplicación de modificadores a través de OrcaSlicer, un dos programas máis potentes para preparar modelos 3D. Será impartido por Manuel Tornos, asesor do Centro para o Desenvolvemento da Impresión 3D na propia oficina, con máis de 30 anos de experiencia en novas tecnoloxías e transformación dixital. As inscricións pódense realizar neste formulario.
Por último, o xoves 4 de setembro tamén ás 12:00 horas a oficina de Porriño desenvolverá o obradoiro "Google Analytics para a toma de decisións". Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con máis de 8 anos de experiencia en proxectos web, ensinará como empregar Google Analytics para medir o comportamento dos usuarios e transformar os datos do noso sitio web en coñecemento para tomar mellores decisións de negocio. As persoas interesadas poden inscribirse neste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.