A Deputación organiza este mes de marzo tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

A institución provincial impulsa tres accións telemáticas sobre temas relacionados coas redes sociais e co posicionamento en buscadores

08/03/2026

A Deputación de Pontevedra organiza este mes de marzo tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas telemáticas e con inscrición previa, afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o uso das redes sociais ou o posicionamento en buscadores.

O marzo 10 de marzo, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro “LinkedIn para empresas e profesionais”. LinkedIn é unha das redes sociais máis valoradas por profesionais, autónomos e microempresas, pola súa facilidade para crear unha rede profesional de contactos. O obradoiro pretende dar a coñecer a rede social e o seu funcionamento para poder sacarlle o máximo proveito. Será impartido pola experta en marketing dixital e comercio electrónico María Aller e as inscricións pódense formalizar a través deste formulario.

O mércores 18 de marzo, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro “Contido para redes sociais: como atraer clientes”. Os participantes neste obradoiro aprenderán a usar o Sistema 70/30, unha metodoloxía onde o 70% do contido traballa para reter a audiencia e o 30% restante encárgase de converter seguidores en clientes. Será impartido polo experto en deseño web, márketing dixital e posicionamento Guillermo Nass, con inscricións desde este formulario.

Finalmente o xoves 26 de marzo, tamén desde as 12:00 horas, a Deputación ofrece o obradoiro “SEO para comercio electrónico: posiciona a túa tenda en Google”. Os participantes aprenderán como optimizar os seus sitios web de venda en liña e mellorar o seu posicionamento nos motores de procura cun enfoque práctico, tendo en conta que o éxito dos negocios en rede depende de que a clientela, que busca satisfacer unha necesidade ou desexa, atope o negocio. Será impartido pola experta en márketing dixital e comercio electrónico María Aller e as inscricións pódense formalizar a través deste formulario.

A Deputación destina en 2026 740.000 € á Rede SmartPeme+ que, por vez primeira, se coordinará co servizo dos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia co obxectivo de cubrir todo o territorio da provincia. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes e impartindo talleres formativos e actividades complementarias.