A Deputación leva este luns a Caldas de Reis un concerto de ópera e música clásica tributo a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti

O espectáculo “Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert, forma parte do programa Son Verán e finalmente terá lugar na igrexa de San Tomé no canto da Carballeira por mor das previsións meteorolóxicas

21/08/2026

A Deputación leva este luns a Caldas de Reis un concerto de ópera e música clásica tributo a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti

O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este venres no Pazo provincial o espectáculo de ópera e música clásica tributo a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti que se celebrará o próximo luns 25 de agosto en Caldas de Reis, na Igrexa de San Tomé ás 21:00 horas, no marco do ciclo cultural Son Verán. O deputado provincial estivo acompañado da directiva da Asociación Terra Calda, coa que se colaborou na organización do concerto enmarcado nos actos de conmemoración do noveno centenario da coroación de Afonso VII.

“Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert, é unha actuación de ópera totalmente única e especial, “que contará coa participación de cantantes de ópera de primeiro nivel e con familiares de Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti, a quen este concerto pretende render unha máis que merecida homenaxe”, sinalou o deputado provincial. O espectáculo, no que actuarán Montserrat Martí Caballé, Simona Todaro Pavarotti, Luis Santana, Dolores Crespo e Víctor Carbajo, combinará a música coa conversa entre os intérpretes, que compartirán anécdotas e a historia das pezas que interpretarán sobre o escenario. O deputado tamén lembrou que “este espectáculo xa formou parte da pasada edición de Son Verán, estamos moi satisfeitos coa acollida que lle deu o público e por iso queriamos darlle a oportunidade á veciñanza doutros concellos a que tamén puidesen desfrutar del”.

O deputado provincial sinalou que “a Deputación ten o ideal de achegar a cultura a todos os recunchos da provincia, de vertebrar o territorio a través da cultura e de que todos os veciños e veciñas teñan recursos culturais de excelencia no seu territorio”. O deputado lembrou que o concerto estaba inicialmente previsto celebrarse na Carballeira de Caldas de Reis, pero finalmente tivo que ser modificado pola previsión de choivas. Pola súa banda, Celestino Barros, tesoureiro da Asociación Terra Calda, sinalou a simboloxía desta nova localización, xa que precisamente “a igrexa foi construída con pedras do castelo de Dona Urraca, onde naceu Afonso VII”.

No marco de Son Verán organízanse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes, con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación, encadrada en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo.

Emprazamentos alternativos en Forcarei e Vilanova de Arousa en caso de choivas

Son Verán comezou o 24 de xullo cun concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegará aos concellos de Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa. “Querida Montserrat, querido Luciano” poderá desfrutarse tamén en Vilanova de Arousa o 23 de agosto e en Forcarei o 25 de agosto, ambos os dous ás 21:00 horas. En caso de choivas, o concerto de Vilanova de Arousa celebrarase no Auditorio Valle Inclán en lugar de no xardín Umbrío, e o de Forcarei na igrexa de San Martiño no canto da praza do Concello. Ademais, The Crass ofrecerán un concerto o 22 de agosto na praza da Chan (Cerdedo Cotobade), Queiman Folk o 29 de agosto en Valga e Laroá o día 30 na praza do Concello de Ribadumia.

En setembro, Son Verán chegará a Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Na Guarda terá lugar o día 3 un concerto de Laroá, e Roi Casal poderá escoitarse o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e en Redondela. Ademais, terán lugar dous concertos de Carlos Núñez, no mes de setembro no auditorio municipal de Marín e no porto de Aldán de Cangas de Morrazo. Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 25 de setembro cun espectáculo de Queiman Folk no Porriño.

Galerias de imagenes