A Deputación presenta o concerto que ofrecerá o músico Roi Casal nas Neves no marco do ciclo Son Verán
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, acompañado polo alcalde José Manuel Alfonso, confirmou que a actuación terá lugar este domingo 13 de setembro ás 21:00 horas na praza do Concello
11/09/2026
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou este venres no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra o concerto de Roi Casal que se celebrará este domingo 13 de setembro na praza do Concello ás 21:00 horas, no marco do ciclo cultural Son Verán. Na presentación o responsable de Cultura estivo acompañado polo alcalde das Neves, José Manuel Alfonso.
Jorge Cubela sinalou que “Son Verán é unha nova proposta cultural que organizamos desde a Deputación en colaboración con concellos como o das Neves para esta segunda metade do período estival que está a ter unha grande acollida e unha grande afluencia de público”. Deste xeito, “espallamos a nosa oferta cultural e musical con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación, encadrada en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo”, confirmou o deputado provincial.
A través do seu espectáculo “Ambos mundos”, Roi Casal ofrecerá unha experiencia emocionante que combina a tradición galega coa modernidade e conxuga as recentes producións en EE.UU. xunto cos seus grandes éxitos, combinando a música tradicional da que bebe con outros ritmos e sons para producir unha fusión actual e contemporánea.
Son Verán é unha proposta que busca espallar a oferta cultural e musical provincial con espectáculos alternativos aos programados polos concellos e pola propia Deputación, encadrados en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo. En total ofreceranse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
O programa comezou o 24 de xullo co concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegou aos concellos de Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia e Valga da man de Laroá en Ribadumia, o espectáculo de ópera e música clásica “Querida Montserrat, querido Luciano” de ÓperaConcert en Vilanova de Arousa, Caldas de Reis e Forcarei, e o espectáculo “Queiman Folk” en Valga. En setembro, Son Verán chegou á Guarda da man de Laroá e a Marín da man de Carlos Núñez (que tamén actuará en Cangas de Morrazo), Roi Casal ofrecerá un segundo concerto o 20 de setembro en Redondela e o ciclo rematará o 26 de setembro coa representación de “Queiman Folk” no Porriño.
