A Deputación destinará 570.000 euros para financiar o plan de asfaltados municipais en diferentes parroquias de Tomiño

Os recursos serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres e permitirán actuar en tramos de 25 vías municipais situadas en 10 parroquias do municipio

09/09/2026

A Deputación destinará 570.000 euros para financiar o plan de asfaltados municipais en diferentes parroquias de Tomiño

O deputado provincial Roberto Carrero anunciou este mércores en Tomiño que a Deputación de Pontevedra financiará integramente, cunha achega de 570.000 euros, o plan de asfaltados municipais nas parroquias de Tomiño. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Tomiño 2,44 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Con estes recursos, tal como sinalou Roberto Carrero, o Concello de Tomiño vai proceder á mellora e á pavimentación de 25 tramos de camiños municipais localizados en 10 parroquias de Tomiño. En Goián, nun camiño en Tollo. En Figueiró, en camiños en Regueiriña e Centinela. En Tomiño, en Vilardematos, Pazos, Barro e A Pedra. En Forcadela, en camiños en Cruceiro, na Ponte e en Solleiro. En Amorín, en camiños en Carregal de Arriba, en Arrotea e en Outeiro. En Taboarda, nun camiño en Tomada. En Sobrada, en tres camiños en Aldea e outro en Portela. En Barrantes, en vías de Freixoal, Mosteiro e Luneda. En Vilameán, en camiños no Castro e no Ral. E, por último, en San Salvador de Tebra, en dous camiños en Casal.

As actuacións proxectadas consisten na limpeza de marxes e apertura de cunetas en toda a lonxitude da actuación, e na pavimentación dos tramos completos cunha capa de mestura bituminosa en quente. Nos casos de camiños onde se poida ensanchar a zona de rodadura, ao existir unha zona da vía pública sen firme, tamén se executará a apertura de caixa para o estendido e compactado dunha capa de base de saburra artificial.

Roberto Carrero puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Tomiño, que buscan mellorar a vida dos e das veciñas”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.