A Deputación ultima os días para visitar en Marín a exposición itinerante “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”

O Museo Manuel Torres da localidade acollerá ata o 30 de novembro esta mostra de posta en valor do patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia que amosará 75 pezas procedentes de castros da provincia

24/11/2026

A Deputación de Pontevedra ultima os días para visitar no Museo Manuel Torres, en Marín, a exposición itinerante “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”. A mostra, organizada en colaboración coa Fundación Terra Termarum Castrolandín de Cuntis, dá continuidade ao proxecto Trazas de Pontevedra, que naceu co obxectivo de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia a través dunha rede de dezasete xacementos de alto valor histórico e científico.

“A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” trátase dunha exposición para poñer en valor a historia da provincia de Pontevedra, impulsar e protexer o patrimonio arqueolóxico e captar turistas que buscan experiencias ligadas á cultura. Neste eido, a mostra enmárcase na estratexia da Deputación de Pontevedra para diversificar a oferta turística, ofrecendo un produto sostible, de calidade e do que desfrutar os 365 días do ano.

A exposición, que se pode visitar no Museo Manuel Torres de Marín ata o 30 de novembro, presenta ata 75 pezas procedentes de castros da provincia. Despois do seu paso por Marín e anteriormente Sanxenxo, “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” chegará no 2027 aos concellos de Vilagarcía de Arousa, A Guarda e Tui.