A Deputación inaugura este martes en Sanxenxo a nova exposición itinerante “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”

O Centro de Interpretación da Telleira acollerá ata o 15 de outubro esta mostra de posta en valor do patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia que amosará 75 pezas procedentes de castros da provincia. A exposición irá acompañada de obradoiros didácticos, visitas guiadas e conferencias

12/09/2026

A Deputación de Pontevedra inaugura o próximo martes, 15 de setembro, ás 11:30 horas, no Centro de Interpretación da Telleira, en Sanxenxo, a nova exposición itinerante “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación”. Trátase dunha mostra que dá continuación ao proxecto Trazas de Pontevedra, que naceu co obxectivo de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia a través dunha rede de dezasete xacementos de alto valor histórico e científico.

A exposición estará dispoñible en Sanxenxo ata o 15 de outubro e nela presentaranse ata 75 pezas procedentes de castros da provincia. No acto de inauguración, o equipo da Fundación Terra Termarum ofrecerá unha explicación detallada das pezas, achegando información sobre o seu contexto histórico, significado e valor patrimonial. Ademais, acompañarase a mostra ao longo do mes de obradoiros didácticos para público xeral, obradoiros infantís para escolares de entre 8 e 10 anos, visitas guiadas e unha conferencia sobre a temática da exposición.

Despois do seu paso por Sanxenxo, “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” chegará ao Museo Torres do Concello de Marín, onde se poderá visitar entre o 28 de outubro e o 28 de novembro. De cara ao ano 2027, está previsto que esta mostra impulsada pola Deputación de Pontevedra chegue aos concellos de Vilagarcía de Arousa, A Guarda e Tui.