Luisa Sánchez anima a aproveitar as últimas semanas de visitas guiadas gratuítas ao Teatro Cine Fraga antes do inicio da rehabilitación integral do inmoble

A iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que permitiu reabrir as portas do inmoble tras 24 anos pechado, remata o próximo sábado 27 de xuño

06/06/2026

Luisa Sánchez anima a aproveitar as últimas semanas de visitas guiadas gratuítas ao Teatro Cine Fraga antes do inicio da rehabilitación integral do inmoble

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou á cidadanía a aproveitar as últimas visitas guiadas gratuítas ao Teatro Cine Fraga, unha oportunidade única para coñecer por dentro un dos edificios máis emblemáticos da cidade antes da súa rehabilitación integral.

A iniciativa impulsada pola institución provincial e a Xunta de Galicia, que permitiu reabrir as portas do inmoble tras 24 anos pechado, remata o próximo 27 de xuño. Esa data marcará un fito na historia deste inmoble singular, que pechará ata que rematen as actuacións previstas para a súa recuperación. Por este motivo, estas semanas constitúen a derradeira ocasión para adentrarse nun lugar que forma parte da memoria colectiva de Vigo.

Desde a posta en marcha deste ciclo de visitas, o pasado 15 de outubro, máis de 2.600 persoas tiveron a ocasión de percorrer as distintas dependencias do Teatro Cine Fraga e descubrir a súa historia, o seu valor arquitectónico e o papel fundamental que desempeñou ao longo de décadas na vida cultural da cidade.

“Convido a toda a cidadanía a mergullarse no Teatro Cine Fraga antes do inicio dunha etapa que culminará coa súa recuperación como un dos grandes símbolos culturais de Galicia”, apuntou Luisa Sánchez.

As visitas guiadas continúan programadas os mércores e sábados ás 12.30, 16.00 e 17.00 horas. As reservas poden tramitarse a través do número de teléfono 986 118 227. A alta demanda rexistrada desde o pasado outono levou a duplicar o número de prazas deste programa ata a chegada do verán.

Proxecto estratéxico

A recuperación do Teatro Cine Fraga é un proxecto estratéxico impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que permitirá devolverlle o seu esplendor e adaptalo ás necesidades culturais do século XXI. O obxectivo é converter este inmoble nun referente de Galicia, cunha programación capaz de dinamizar a vida cultural e social tanto da cidade como do conxunto da comunidade autónoma.

Con ese obxectivo e para enriquecer o plan de usos, Deputación e Xunta abriron un proceso participativo que, baixo o nome de ‘O mellor espazo, o mellor contido’, permitiu recompilar máis de 300 propostas do sector da cultura e da cidadanía en xeral.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.