A Deputación ultima os días para solicitar as axudas ás escolas de música de asociacións sen ánimo de lucro, que recibirán este ano 120.000 euros, un 20% máis que no 2024
As achegas, que superan en 30.000 euros o crédito que se lles destinaba en 2023, permitirán ás entidades financiar, entre outros asuntos, gastos de persoal, de material ou reparación e conservación dos seus locais
23/09/2025
A Deputación de Pontevedra ultima os días para solicitar a liña de axudas para apoiar as escolas de música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia. Estas achegas están dotada de 120.000 euros, o que supón, un aumento de 20.000 euros respecto ao ano pasado e de 30.000 euros respecto ao que recibían en 2023. As solicitudes desta liña provincial de axudas poderán formalizarse ata o vindeiro martes 30 de setembro.
Con estes recursos, as escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro poderán financiar gastos de persoal e de material de oficina, subministracións, a reparación e conservación dos seus locais, a reparación de instrumentos, as primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos de prevención de riscos ou recoñecemento médico. As subvencións outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e teranse en conta criterios como o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola ou as especialidades impartidas.
Trátanse de axudas, tal e como remarcou o presidente provincial no momento da súa aprobación, "coas que a Deputación segue a estreitar lazos co asociacionismo e a seguir apoiando a uns verdadeiros dinamizadores culturais da nosa provincia". Neste eido, puxo en valor "o labor fundamental que teñen as asociacións sen fins de lucro para que as escolas de música se manteñan con vida máis alá das grandes cidades".