A Deputación mantén aberto ata o 16 de abril o prazo para que os concellos soliciten as axudas dotadas con 150.000 € para impulsar actividades de dinamización da lingua
Con estas axudas, os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán financiar ata o 75% do orzamento presentado para levar a cabo as actividades
08/04/2026
A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro xoves 16 de abril o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan solicitar a liña de axudas para impulsar actividades de dinamización da lingua, dotada con 150.000 euros.
Con estes recursos provinciais, os concellos poderán impulsar desde certames literarios, iniciativas de novas tecnoloxías, videoxogos ou podcast, ata actividades de sociolingüística e toponimia; propostas de fomento do galego no comercio e industria; campañas de dinamización ou accións que recoñezan o labor de persoas e colectivos a prol do galego.
Entre os gastos subvencionables atópanse as infraestruturas e espazos para o programa ou evento; a contracción de servizos técnicos e profesionais; a edición de publicacións; os gastos de comunicación, prensa, publicidade e difusión; e os derivados da contratación de grupos, artistas e compañías, ata un máximo do 75% do orzamento presentado.