A Deputación ultima os días para que os concellos de menos de 50.000 habitantes soliciten o II Plan Extra, dotado con 35M€ para avanzar na modernización da provincia
A Deputación ultima os días para que os concellos de menos de 50.000 habitantes soliciten o II Plan Extra, dotado con 35M€ para avanzar na modernización da provincia
27/10/2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 3 de novembro o prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes ao segundo Plan Extra, dotado de 35 M€ para executar proxectos estratéxicos que posibiliten a modernización do territorio, contribúan a atraer e fixar poboación e senten as bases dun crecemento sostible e equilibrado. Deste xeito, con estes recursos provinciais os concellos poderán facer fronte ao impulso de novas infraestruturas ou equipamentos públicos ou a rehabilitación dos xa existentes, a intervencións en espazos públicos urbanos ou naturais, así como a actuacións que fomenten a recollida separada de biorresiduos de orixe doméstica.
O segundo Plan Extra forma parte do paquete de plans de investimento posto en marcha polo executivo provincial, e dotado coa cifra histórica de 128 M€ que recibirán todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Ademais do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, tamén repite o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (con 8 M€, ao igual que na súa segunda convocatoria) e mais o Plan +Provincia, que acada a cifra récord de 50 M€ e que adiantará o acceso á liña 1 de investimentos correspondente á anualidade do ano 2027, dotado de 35 M€.
Ao abeiro do Plan Extra financiaranse proxectos estratéxicos locais, considerados como tales os investimentos que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora, desenvolvemento ou modernización dos servizos; os que supoñan unha mellora relevante en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos; aqueles que teñan unha repercusión relevante na prestación de servizos no ámbito superior ao municipal; os que estean previstos nun plan estratéxico ou nun documento de planificación; aqueles con transcendencia en sectores estratéxicos de ámbito local, supramunicipal ou comarcal que incentiven o desenvolvemento do territorio; os que redunden na capacidade do territorio para atraer e fixar poboación, e, por último, os que teñan un compoñente vertebrador dos territorios e para fomentar a igualdade de oportunidades entre o rural e urbano.
Cada concello poderá presentar un proxecto e, en función da súa poboación recibirá entre 0,5 e 1,1 M€. Os que teñan menos de 5.000 habitantes recibirán ata 500.000 €, que servirán para financiar ata o 85% do orzamento da actuación. No caso dos concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes recibirán un máximo de 700.000 para financiar o 80% do custo, os de 10.001 a 20.000 habitantes ata 900.000 € para financiar o 75% do importe total; e os de máis de 20.000 habitantes poderán recibir ata 1,1 M€ para facer fronte ao 70% do investimento global. A porcentaxe restante deberaa achegar o concello con fondos propios ou con recursos doutros plans da Deputación, entre eles especificamente o Plan +Provincia, ou doutra administración.