A Deputación impulsa a atención aos colectivos sociais en tres anos de goberno, con preto de 40.000 persoas participando nos programas sociais provinciais

O organismo incrementa un 34% neste período a dotación dirixida a Benestar Social, ata acadar case 8,5 millóns de euros en 2026

15/07/2026

A Deputación impulsa a atención aos colectivos sociais en tres anos de goberno, con preto de 40.000 persoas participando nos programas sociais provinciais

A Deputación de Pontevedra impulsa a atención aos colectivos sociais en tres anos de goberno, con preto de 40.000 persoas participando nos programas provinciais, tal e como remarcou o presidente Luis López, quen tamén recordou o apoio aos 600 proxectos sociais ou os 63 millóns de euros a disposición das familias. Neste período, o organismo incrementa un 34% a dotación dirixida a Benestar Social, ata acadar case 8,5 millóns de euros en 2026.

“Podemos presumir de ternos convertido nun referente en canto ás políticas de benestar e envellecemento activo”, remarcou a deputada de Benestar Social Paula Bouzós quen engadiu que “temos convertido esta casa na Deputación das persoas”, con investimentos que ascenden aos máis de 11 millóns de euro no reforzo dos servizos sociais comunitarios ou o apoio con máis de cinco millóns de euros a entidades do terceiro sector, que permitiron ampliar e diversificar as liñas de colaboración con actuacións estratéxicas como a inclusión social, a accesibilidade, a mellora de infraestruturas ou o desenvolvemento de programas de atención ás persoas. “Son, para ser clara, cifras históricas”, destacou Bouzós.

A deputada tamén subliñou a creación de novas liñas de axudas como as dirixidas a promover a accesibilidade universal ou a mellorar equipamentos, adquirir vehículos ou modernizar infraestruturas sociais, así como os premios sociais da provincia de Pontevedra, lanzados por vez primeira polo goberno de Luis López para poñer en valor o traballo das persoas e entidades que contribúen a construír unha provincia máis xusta. “Un modelo de benestar social máis próximo, inclusivo e preventivo, baseado na descentralización dos recursos, na cooperación co territorio e na mellora da atención ás persoas”, destacou Bouzós.

Nestes tres anos, segundo indicou a deputada, “consolidouse un modelo de traballo baseado na proximidade e na escoita activa co terceiro sector social, os concellos e as persoas, fortalecendo o contacto directo e a atención continua”. Este modelo de colaboración, ademais, materializouse no financiamento anual a máis de 30 entidades sociais de referencia ou no desenvolvemento de xornadas técnicas, encontros e accións formativas en colaboración co terceiro sector, favorecendo a coordinación, a transferencia de coñecemento e a mellora das intervencións sociais no territorio.