A Deputación pon en valor as máis de 2.000 obras e máis de 600M€ mobilizados en tres anos a través de plans de Cooperación Local dirixidos aos 61 concellos da provincia

En tres anos de goberno de Luis López na Deputación aprobáronse recursos para os concellos de menos de 50.000 habitantes a través de plans como o +Provincia (181M€), Extra (75M€), o Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (30M€), Vía Depo (8M€) ou Espazo Depo (22M€)

23/07/2026

A Deputación pon en valor as máis de 2.000 obras e máis de 600M€ mobilizados en tres anos a través de plans de Cooperación Local dirixidos aos 61 concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra pon en valor as máis de 2.000 obras e máis de 600 millóns de euros mobilizados en tres anos a través de plans provinciais de Cooperación Local dirixidos aos 61 concellos da provincia. “Investimos máis, damos máis flexibilidade, respectamos máis a autonomía local e priorizamos o reto demográfico con criterios específicos de reparto”, subliñou o presidente Luis López no acto de celebración dos tres anos de goberno da institución provincial.

O servizo de Cooperación Local, dirixido pola deputada María Ramallo, parte da premisa de garantir a eficiencia dos recursos públicos e que estes se destinen a construír equipamentos, dotacións e infraestruturas que permitan que a cidadanía da provincia, viva onde viva, teña os mesmos servizos e calidade de vida. Con este obxectivo, tal e como remarcou a deputada, “estanse a orientar os plans do servizo de Cooperación, adaptados ás necesidades do mundo local, que dan resposta a problemas reais e están a impulsar un avance imparable da provincia que está a permitir dar un salto inédito nas infraestruturas e equipamentos dos 61 concellos de Pontevedra”.

Nestes tres anos de goberno de Luis López na Deputación aprobáronse recursos para os concellos de menos de 50.000 habitantes a través de plans como o +Provincia, dotado con 181 millóns de euros; o Extra, con 75 millóns de euros; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que nas súas tres edicións mobilizou 30 millóns de euros; o Vía Depo, que se puxo en marcha por vez primeira este ano para arranxar as vías municipais tralos temporais do inverno e está dotado con 8 millóns de euros; ou o tamén novo Plan Espazo Depo, con 22 millóns de euros para axudar a completar o financiamento os proxectos EDIL, subvencionados con fondos europeos, nos concellos de menos de 50.000 habitantes.

Con estes recursos, aos que hai que sumar os 93 millóns de euros comprometidos para as cidades de Pontevedra e Vigo, impulsáronse máis de 2.000 obras de mellora de rúas e prazas, pavillóns, campos de fútbol, parques infantís, centros sociais ou escolas, así como 2.800 contratos de traballo. Trátase, tal e como subliñou a deputada María Ramallo no acto de celebración dos tres anos de goberno, “do maior impulso ao municipalismo da historia da Deputación de Pontevedra”.

Galerias de imagenes