Rafa Domínguez enxalza o papel clave da Deputación na transformación de Pontevedra: 37 millóns de euros, 1 ao mes nestes tres anos de goberno, para impulsar, como nunca antes se fixera, a capital da provincia

O vicepresidente provincial subliñou que “nunca antes a capital da provincia recibira un esforzo investidor desta magnitude por parte da Deputación”

16/07/2026

Rafa Domínguez enxalza o papel clave da Deputación na transformación de Pontevedra: 37 millóns de euros, 1 ao mes nestes tres anos de goberno, para impulsar, como nunca antes se fixera, a capital da provincia

Rafa Domínguez fixo balance no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra dos investimentos e actuacións promovidas pola Deputación de Pontevedra na cidade e nestes tres anos de goberno. Para o vicepresidente, a institución provincial xogou un papel clave e protagonista na transformación da capital da provincia, con 37 millóns de euros, 1 ao mes nestes tres anos de goberno, para impulsar, como nunca antes se fixera, o avance de Pontevedra. “Nunca antes a capital recibira un esforzo investidor desta magnitude por parte da Deputación”, asegurou Domínguez.

“Nestes tres anos puxemos en marcha o maior esforzo inversor que nunca realizou esta institución en Pontevedra -remarcou o vicepresidente-, con políticas que transforman barrios, recuperan o patrimonio e crean oportunidades”. Neste eido, para Domínguez un dos principais avances foi conseguir que “hoxe a Deputación estea máis presente ca nunca na vida de Pontevedra, dos seus barrios e no día a día da veciñanza, recuperando o seu patrimonio, impulsando a súa cultura, mellorando as súas infraestruturas, renovando as súas instalacións deportivas ou colaborando con grandes eventos”.

O vicepresidente asegurou que “nestes tres anos executamos decenas de actuación en patrimonio, en deporte, en infraestruturas e en cultura e esa é a mellor resposta que podemos dar a quen asegura que Pontevedra foi esquecida pola Deputación”. Ao respecto citou obras, actuacións en infraestruturas e de mellora como o impulso de Santa Clara, as obras de Mollabao, a senda de Tomeza, a iluminación de Lérez, A Parda ou Valdecorvos, os campos de Campañó e Salcedo, a reforma da Casa Consistorial, a mellora das estradas provinciais ao seu paso polo termo municipal, a colaboración con eventos deportivos e culturais, cos premios Feroz, co Campus Crea ou con Novos Cinemas. “Proxectos que responden á mesma filosofía: que a Deputación estea onde pode mellorar a vida da xente, sen complexos, sen mirar a cor política de quen goberna”, destacou Domínguez.

“Como pontevedrés síntome orgulloso do momento que vive a nosa cidade e como vicepresidente da Deputación estou satisfeito do traballo realizado”. Ao respecto, o vicepresidente adiantou que “aínda queda moito por facer: queremos culminar Santa Clara, queremos seguir reforzando o Museo, queremos consolidar definitivamente a Bienal como unha referencia internacional, queremos seguir recuperando espazos para a cidadanía, queremos continuar investindo na cidade, porque Pontevedra merece unha Deputación presente, unha Deputación útil, unha Deputación ambiciosa”. E, neste eido, adiantou que “temos unha folla de ruta que prevé mobilizar preto de 80 millóns de euros adicionais nos próximos anos para culminar proxectos como Santa Clara e seguir impulsando a transformación da cidade. Se hoxe Pontevedra é unha cidade con máis oportunidades, con máis proxectos, máis viva, creativa, con maior capacidade para atraer talento, visitantes e actividade económica e con máis ambición, é porque a Deputación decidiu volver implicarse no seu futuro”.

Un Museo ás portas do seu centenario e preparado para os seguintes cen anos

O vicepresidente remarcou que “se hai un ámbito evidente de transformación en Pontevedra ese é o da cultura, co Museo de Pontevedra vivindo probablemente un dos mellores momentos da súa historia ás portas do seu centenario”. Neste eido, Domínguez recordou que “só neste mandato destinamos ao Museo máis de 16 millóns de euros. Nunca antes unha institución cultural da cidade recibira un impulso desta dimensión; un investimento para os próximos cen anos co obxectivo de situar a esta cidade como líder da política cultural de Galicia”.

O Museo de Pontevedra avanza “cun proxecto renovado, máis aberto, máis internacional, máis dinámico, máis conectado coa creación contemporánea”, destacou Domínguez quen recordou que neste período recibiu obras que forman parte da memoria colectiva de Galicia, puxo en marcha programas internacionais de residencias e recuperou a Bienal de Pontevedra despois de 15 anos desaparecida, “demostrando que Pontevedra pode liderar a política cultural de Galicia. E iso non sucede por casualidade, senón porque hai unha aposta política clara”.

Dominguez detívose na recuperación da Bienal de Arte e no feito de tela convertido “nun proxecto cultural estable, ao que se sumou este mesmo ano a primeira Bienal de Artes Vivas que converteu o convento de Santa Clara durante 11 días nun espazo de referencia para a creación contemporánea”. Sobre Santa Clara, o vicepresidente engadiu que se trata do maior proxecto patrimonial e cultural que vivirá Pontevedra en moitas décadas: “Cando pensamos en Santa Clara pensamos na Pontevedra dos próximos cincuenta ou cen anos, porque gobernar consiste tamén en deixar un legado, en protexer o noso patrimonio, en abrir novos espazos públicos e en crear oportunidades para as xeracións que veñen por diante”.

Galerias de imagenes