A Deputación incrementa en tres anos de goberno un 40% as axudas dirixidas ao sector do mar e agrogandeiro e adáptaas ás súas demandas
No ámbito do Medio Ambiente concienciouse á cidadanía da provincia en materia de conservación e protección do medio ambiente co obxectivo de conseguir unha contorna saudable e un legado sostible para as próximas xeracións
16/07/2026
A Deputación de Pontevedra incrementa en tres anos de goberno un 40% as axudas dirixidas ao sector do mar e agrogandeiro e adáptaas ás súas necesidades. “Moito loitamos nesta área -recordou o presidente Luis López- e agora pódese contar. Todas as cooperativas do agro e marisqueo tocaban na nosa porta coa frase: “Non precisamos máis aparellos, precisamos axuda para a caída de produción” e logo de moito traballo interno conseguimos que os recursos da Deputación puideran destinarse a aquilo que realmente se necesitaba”.
“Pasamos de impoñer programas e axudas a apostar por artellar iniciativas que realmente satisfixeran as demandas reais”, asegurou o deputado de Medio Ambiente Marcos Guisasola quen recordou como as axudas dirixidas a confrarías de pescadores e federacións de mariscadoras pasaron a incorporar financiamento de gasto corrente en base á petición do propio sector. No que respecta ao sector agrogandeiro, prestouse un firme apoio tanto en canto ao asesoramento e divulgación en materia de Política Agraria Común como en canto á transformación e adquisición de competencias dixitais ou no desenvolvemento de explotacións respectuosas co medio natural.
Guisasola remarcou que o traballo se realizou “sempre tendendo pontes co sector” e concienciando á cidadanía en materia de conservación e protección do medio ambiente, co obxectivo de conseguir unha contorna saudable e un legado sostible para as próximas xeracións. Deste xeito, por exemplo, contouse coas confrarías de pescadores a través do proxecto +Rías, no que participaron máis de 250 alumnas e alumnos de Primaria a Formación Profesional, para sensibilizar sobre a conservación dos recursos mariños e poñer en valor a pesca e o marisqueo; ou coa Universidade de Vigo, para desenvolver metodoloxías para o control de contaminantes no medio ambiente; así como se creou unha estratexia de xestión responsable e sostible dirixida ao sector turístico costeiro que opera en Rede Natura 2000.
A través do servizo de Medio Ambiente tamén se creou unha nova liña de axudas destinada a sociedades e asociacións de caza para actuacións de salvagarda e mellora do medio natural; así como realizáronse labores de mantemento en case 100 campos artificiais e naturais da provincia de Pontevedra por ano; e lanzáronse programas como +Bosques, no que participaron máis de 2.300 persoas. “Este xeito de traballar produce un equilibrio entre conservación, aproveitamento dos recursos e protección do medio natural e neste eido imos a seguir avanzando, tentando construír contornas máis saudables e sostibles para as xeracións que veñen por diante”, subliñou o deputado Marcos Guisasola.
