A Deputación lanza a nova campaña turística “Un río, dous países, grandes experiencias”, enmarcada en Visit Rio Minho Plus

Trátase dun percorrido por Galicia e o norte de Portugal no que o río marca o ritmo da viaxe

08/10/2026

A Deputación lanza a nova campaña turística “Un río, dous países, grandes experiencias”, enmarcada en Visit Rio Minho Plus

A Deputación de Pontevedra lanza a nova campaña turística “Un río, dous países, grandes experiencias”, que invita a contemplar este territorio transfronteirizo cunha mirada diferente: non como unha liña que separa dous países, senón como o fío condutor dunha paisaxe, dunha historia e un destino compartidos. A iniciativa intégrase no proxecto Visit Rio Minho Plus, impulsado xunto coa AECT Rio Minho e outras entidades públicas de Galicia e Portugal e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI-A España Portugal (POCTEP).

“Un río, dous países, grandes experiencias” mostra que o que aparentemente separa ambas as beiras do Miño tamén é o que as conecta: paisaxes que se completan, fortalezas que se miran e sabores que se comparten. O Miño deixa de entenderse como fronteira para converterse no eixe dunha mesma experiencia a través dunha peza audiovisual que aposta por unha narrativa íntima, emocional e sensorial na que dous protagonistas, un a cada lado do río, emprenden percorridos paralelos que conflúen nun punto común.

A campaña presenta a auga como cómplice da aventura e a natureza ocupa tamén un lugar protagonista: os muíños do Folón e do Picón, a serra da Groba, o Corno do Bico, as ribeiras do río Tea ou o Parque Nacional de Peneda-Gerês. As augas termais e a historia ou as pontes que hoxe simbolizan a unión cobran significado na peza audiovisual na que a gastronomía completa o percorrido polo territorio: a lamprea de Arbo, o vinho verde fresco, as carnes de Melgaço, o xamón da Caniza, a lagosta da Guarda ou o requeixo das Neves.

Con “Un río, dous países, grandes experiencias”, a Deputación de Pontevedra promove o territorio do Miño transfronteirizo como un destino turístico común, sostible e competitivo. A través de Visit Rio Minho Plus, o proxecto de cooperación para a consolidación da marca Rio Minho no ámbito turístico transfronteirizo, a institución provincial reforza unha identidade compartida entre Galicia e o norte de Portugal.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.