A Deputación destina case 240.000 euros para financiar a rede de saneamento na parroquia de Saiar, Caldas de Reis

O deputado Ricardo Martínez visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para mellorar as instalacións no lugar de Sequeiros

29/07/2026

A Deputación destina case 240.000 euros para financiar a  rede de saneamento na parroquia de Saiar, Caldas de Reis

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou este mércores Caldas de Reis, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras da rede de saneamento no lugar de Sequeiros, na parroquia de Saiar. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 240.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Caldas de Reis máis de 1,4 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Neste proxecto prevese a execución dun tramo de colector principal que se unirá á rede de saneamento municipal existente na PO-305 e a apertura ao descuberto do Rego Saiar. A nova rede recollerá as augas residuais do lugar de Sequeiros a través de dúas canalizacións que se xuntarán antes de chegar á estación de bombeo e unha das canalizacións discorrerá separada polo menos tres metros do curso do Rego Saiar, mentres que a outra irase á beira do camiño, baixo a cuneta. Construirase ademais unha estación de bombeo equipada cun sistema de filtrado de residuos e dúas bombas que se irán alternando para impulsar a auga e no punto onde se cruza o Rego Barral, protexerase especialmente o tubo con formigón para evitar danos e garantir a súa seguridade estrutural. As vivendas conectaranse á rede con arquetas de rexistro e tubos de conexión co pozo máis próximo e aproveitarase a obra para arranxar un tramo do camiño e dar acceso a unha propiedade situada na parte alta do trazado.

Ricardo Martínez puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Caldas de Reis, que melloran a vida da veciñanza”.

Galerias de imagenes